Nova: Ourense acolle a XXXV edición da súa Feira do Libro do 29 de abril ata o 1 de xuño

27/05/2019

Ourense acolle a XXXV edición da súa Feira do Libro do 29 de abril ata o 1 de xuño

A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, participou na rolda de presentación deste evento que constitúe a sexta convocatoria do calendario das Feiras do libro de Galicia 2019

A cidade convértese nun punto de encontro para autores e lectores, rodeados dunha ampla oferta de actividades culturais

A Consellería de Cultura e Turismo colabora coa Federación de Librarías de Galicia na organización desta actividade que achega os libros á rúa

Ourense, 27 de maio de 2019.- A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou hoxe na presentación da XXXV Feira do Libro de Ourense que abre as súas portas o vindeiro mércores, 29 de maio, na céntrica rúa do Paseo, onde os stands das librarías permanecerán ata o 1 de xuño. Trátase dunha cita anual durante a que esta cidade será un escaparate para as librarías presentes: Padre Feijoo, A Viuva, Punto e Coma, Cortizas, A Nova, Lafer, Nobel, Cartabón, Pedreira, Kathedra, Libraría Infantil e Xuvenil Zampacontos e a Serpe Edicións; acompañadas ademais do stand da Deputación de Ourense e do da Biblioteca Nodal.

Os libreiros estarán rodeados dunha ampla oferta de actividades culturais para atraer público de todas as idades neste evento que constitúe a sexta convocatoria do calendario das Feiras do Libro de Galicia 2019, organizadas pola Federación de Librarías de Galicia e nas que a Secretaría Xeral de Cultura colabora.

“É, sen dúbida, unha oportunidade única para impulsar o noso sector editorial, para darlle visibilidade ao libro e para reforzar a programación de actividades que favorezan a dinamización da lectura entre o público infantil, xuvenil e adulto” afirmou Díaz Mouteira. Na rolda de prensa de presentación da feira estivo acompañada do presidente da Agrupación de Libreiros de Ourense, José Manuel García Mosquera, do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Luís Fernández Fernández, e do alcalde Ourense, Jesús Vázquez Abad.

Un percorrido por 16 concellos en cinco meses

A cidade das Burgas é a sexta cita do calendario das Feiras do Libro de Galicia 2018, que irán despois ao concello de Redondela, do 6 ao 9 de xuño; e ao de Ribeira do 13 ao 16. Xa no inicio do verán, as citas serán nos municipios de Cambados, do 19 ao 22 de xuño; de Vigo, do 27 de xuño ao 6 de xullo; de Ponteareas, entre o 11 e o 14 de xullo, e de Rianxo, do 25 ao 28 de xullo . Pecharán a edición de 2019, no mes de agosto, na Coruña, desde o 1 ata o día 11; en Viveiro, do día 14 ao 18; en Foz, entre o 22 e o 25; e, finalmente, en Monforte de Lemos, do día 28 ao 31.

Comparte