Nova: O jazz protagoniza o último concerto de ‘Camiños Sonoros’

19/05/2019
O jazz protagoniza o último concerto de ‘Camiños Sonoros’
A actuación correu a cargo do pianista Gerson Tineo Moffi e o baixista Aarón Cazas Bellas, dous músicos mozos dos conservatorios de Vigo e A Coruña
Verín, 19 de maio de 2019.- A comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, asistiu hoxe en Verín a un concerto de jazz dentro do ciclo Camiños Sonoros. Este evento musical enmárcase na programación do próximo Ano Santo e do Plan Director do Camiño, que en 2019 prioriza melloras e diferentes accións de dinamización cultural na Vía da Prata.
A actuación correu a cargo do pianista Gerson Tineo Moffi e o baixista Aarón Cazas Bellas, dous músicos mozos dos conservatorios de Vigo e A Coruña que interpretaron temas clásicos de jazz en formato dúo na praza da Mercé de Verín. Trátase da terceira actuación celebrada esta fin de semana no marco do ciclo Camiños Sonoros, que conta coa dirección artística de Andrea González. O venres tivo lugar na Mezquita un concerto de clarinete, violín e piano na igrexa de San Martiño e onte celebrouse unha actuación na igrexa da Mercé de Verín da pianista Marina Fernández.
O ciclo Camiños Sonoros, organizado pola Consellería de Cultura e Turismo en colaboración coa Asociación Xuventudes Musicais Eixo Atlántico, contempla unha programación de 40 concertos gratuítos dirixidos ao público xeral durante as fins de semana da maio, xuño e xullo. As actuacións celebraranse en diferentes emprazamentos de interese patrimonial na Vía a Prata como o Castelo de Monterrei, o Mosteiro de Carboeiro, o Mosteiro de Oseira, o Pazo de Liñares en Lalín ou o Pico Sacro, en Boqueixón.
Ademais de divulgar o Camiño de Santiago a través da música, este festival afonda tamén na profesionalización do sector musical. De feito, a programación inclúe unha xornada formativa de autoemprendemento musical, con clases sobre ferramentas e habilidades para desenvolver unha carreira profesional dentro de música que contarán coa asistencia de actores da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADg).