Nova: O Gaiás festexa as Letras Galegas emitindo polas redes unha lectura participativa da obra de Antonio Fraguas

17/05/2019

O Gaiás festexa as Letras Galegas emitindo polas redes unha lectura participativa da obra de Antonio Fraguas

Convídase aos visitantes que estean hoxe no Gaiás a ler as súas importantes achegas como investigador e divulgador da cultura popular galega

As lecturas son emitidas polo Facebook, Twitter e Instagram da Cidade da Cultura para que cheguen e se espallen a calquera parte do mundo

Este 17 de maio, as visitas comentadas á exposición ‘Pensar coas mans’ centraranse nas pezas cedidas polo Museo do Pobo Galego, do que foi director
 

Santiago de Compostela, 17 de maio de 2019.- A Cidade da Cultura de Galicia súmase á celebración do Día das Letras Galegas cunha lectura participativa e polas redes sociais, este mesmo 17 de maio, de obras do homenaxeado neste 2019, Antonio Fraguas (Cerdedo, 1905 –Santiago de Compostela, 1999). Parte das importantes achegas e achados deste investigador e divulgador da cultura popular galega serán lidas ao longo do día de hoxe –e emitidas en liña– por aqueles visitantes que estean esa xornada no Museo Centro Gaiás, no que precisamente se realizarán visitas comentadas, e de balde, á exposición Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia. Están especializadas nas pezas cedidas polo Museo do Pobo Galego (MPG), institución da que foi director e tamén presidente do padroado.

As lecturas en rede están escollidas por Clodio González Pérez, etnógrafo, historiador, membro correspondente da Real Academia Galega (RAG) e persoa vencellada ao MPG e de ampla traxectoria humanista no sector cultural. Ademais de no Museo Centro Gaiás, convídase aos visitantes que estean esta xornada por diferentes espazos da Cidade da Cultura –os arquitectónicos e tamén as áreas verdes e naturais como o Xardín Literario e o novo Xardín do Teatro– a participar deste xeito tan activo na homenaxe que as Letras Galegas lles fan a este valedor da cultura popular galega.

Ao igual que se fixo o pasado ano con escritos de María Victoria Moreno, as lecturas de traballos de Antonio Fraguas son emitidas hoxe en liña polas diferentes redes sociais da Cidade da Cultura de Galicia (Facebook, Twitter e Instagram) como un xeito de achegar e espallar do homenaxeado coas Letras Galegas a calquera recuncho do planeta. Unha vez rematado o 17 de maio, editarase un vídeo con todos os fragmentos, que quedará para o recordo desta conmemoración na páxina web www.cidadedacultura.gal.

Actividades da Biblioteca de Galicia

Á celebración do Día das Letras Galegas da Cidade da Cultura tamén se suma a Biblioteca de Galicia, que conta cunha exposición bibliográfica, exclusivamente dedicada a Antonio Fraguas. Está composta por obras escritas polo investigador e tamén por aquelas que participou como articulista ou prologuista.

Ademais, e ideada como actividade para público familiar, a Biblioteca de Galicia realizará oo 25 de maio un obradoiro lúdico –de balde, con necesidade de inscrición en www.cidadedacultura.gal– no que os e as participantes xogarán a construír e deconstruír un carro tradicional feito a escala.

Comparte