Nova: O galego segue facendo quilómetros na VI Carreira Camiño das Letras

17/05/2019

O galego segue facendo quilómetros na VI Carreira Camiño das Letras

  • Cartel Carreira Camiño das Letras 2019

Boqueixón (A Coruña), 17 de maio de 2019.- O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, foi o encargado de darlle, está mañá, o pistoletazo de saída á VI edición da Carreira Camiño das Letras coa que se conmemorou o Día das Letras Galegas a través do deporte e poñendo en valor o noso patrimonio do Camiño de Santiago.

A carreira transcorreu pola Vía da Prata ata a Cidade da Cultura na que tivo lugar a entrega de premios. A nova edición da Carreira Camiño das Letras contou tamén cun circuíto para as categorías inferiores con percorrido polo Gaiás e polo Bosque de Galicia. Todos os participantes recibiron un libro agasallo e un diploma do Camiño das Letras ao remate da carreira.

Ovidio Rodeiro destacou que esta cita, xa consolidada, forma parte das numerosas actividades que o Goberno galego organiza, este ano, arredor do 17 de maio con Antonio Fraguas como referente. Neste senso, apuntou que “esta actividade consegue unificar dous elementos: primeiro fomentar o deporte e a vida sá; e segundo promover a cultura galega a través da lingua propia de Galicia e a través dun dos valores culturais máis importantes de Galicia como é o Camiño de Santiago”.

Comparte