Nova: ‘Pintar para crear’ plasma as inquedanzas artísticas da mocidade de Vigo

16/05/2019

‘Pintar para crear’ plasma as inquedanzas artísticas da mocidade de Vigo

A exposición, que se desenvolverá ata o vindeiro 30 de maio, está composta por 55 obras en óleo e acuarela entre as que destacan paisaxes, retratos ou bodegóns

Vigo, 16 de maio de 2019.- A planta baixa da Delegación Territorial da Xunta en Vigo acollerá ata o vindeiro 30 de maio a exposición “Pintar para Crear”. Unha mostra colectiva, firmada polo alumnado da clase de pintura do centro sociocomunitario de Vigo (Pi y Margall), que foi inaugurada este xoves.

No acto de inauguración, ao que foi convidado o delegado territorial, Ignacio López-Chaves, os artistas tiveron oportunidade de explicar as súas inquedanzas pictóricas e compartir co representante autonómico as historias que agochan as distintas pezas que compoñen a mostra, composta por 55 obras en óleo e acuarela. Lenzos de temática variada, entre os que destacan as paisaxes, os bodegóns e os retratos.

Pola súa banda, López-Chaves aproveitou o acto para convidar á cidadanía a achegarse a visitar a exposición.

Unha mostra que se suma ás de artistas e colectivos que xa se realizaron na planta baixa do edificio administrativo do Goberno galego, así coma aos cursos e xornadas que se desenvolven no salón de actos ou a organización de actividades culturais e mesas solidarias coma as de DOA ou a AECC, entre outras. Sempre co obxectivo de abrir o edificio administrativo á participación dos cidadáns.

Cómpre lembrar ademais que as instalacións da Delegación Territorial –o salón de actos e a zona de exposicións- están dispoñibles para que todos os colectivos e asociacións parroquiais da cidade acheguen as súas actividades culturais e sociais aos cidadáns, co obxectivo de que transcendan máis aló do seu propio ámbito parroquial e todos os vigueses e viguesas poidan coñecelas.

Comparte