Nova: O ciclo Danza 3 inicia mañá con Cantigas e Agarimos en Noia unha viaxe que levará o baile e a música tradicionais a 12 concellos

16/05/2019

O ciclo Danza 3 inicia mañá con Cantigas e Agarimos en Noia unha viaxe que levará o baile e a música tradicionais a 12 concellos

A formación compostelá actuará o Día das Letras Galegas na alameda noiesa e repetirá función o domingo 19 na Porta do Sol de Ribeira

O programa organizado pola Xunta complétase coa participación de Xacarandaina e O Fiadeiro en nove citas de danza e tres de música popular en rúas e prazas

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2019.- A Consellería de Cultura e Turismo ofrece mañá, Día das Letras Galegas, a actuación de Cantigas e Agarimos ás 12,00 h. na alameda de Noia, primeira das 12 citas da nova edición do ciclo Danza 3, organizado a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para a difusión do baile e a música tradicionais de Galicia.

A programación completa, na que participan, ademais da formación compostelá, o grupo vigués O Fiadeiro e o colectivo coruñés Xacarandaina, percorrerá ata finais de agosto distintos espazos ao aire libre para compoñer un calendario de encontros festivos co público nos concellos de Noia, Ribeira, Castrelo de Miño, A Estrada, Redondela, Oroso, Marín, Mondoñedo, A Cañiza, Portomarín, Sanxenxo e Allariz.

Serán nove citas centradas na danza e outras tres na música, nas que estas agrupacións artísticas exhibirán a pé de rúa unha mostra do seu amplo repertorio e nas que se buscará implicar os viandantes.

Así, Cantigas e Agarimos, despois desta fin de semana, actuará o 7 de xullo en Marín (ás 21,00 h. na alameda) e en Portomarín (ás 18,00 h. na praza do Concello). Pola súa banda, Xacarandaina visitará o 8 de xuño A Estrada (ás 12,30 h. no recinto feiral), o 6 de xullo Oroso (ás 18,30 h. na alameda), o 27 de xullo Mondoñedo (ás 12,30 h. no barrio dos Muíños) e Sanxenxo (ás 21,00 h. no paseo marítimo). O Fiadeiro estará o 26 de maio en Castrelo de Miño (ás 12,00 h. no parque náutico), o 9 de xuño en Redondela (ás 19,30 h. na praza da Constitución), o 11 de agosto na Cañiza (ás 21,30 h. na praza Maior) e o 25 de agosto en Allariz (ás 12,00 h. en Santa Mariña de Augas Santas).

Coa edición de 2019 de Danza 3, colabórase por sétimo ano consecutivo co colectivo XOC, integrado por estas tres asociacións culturais que traballan para darlle visibilidade ao folclore galego, tanto a través das actividades de exhibición que realizan dentro e fóra das súas sedes como dos cursos de formación e de recuperación desta parte do patrimonio inmaterial galego.

Comparte