Nova: En marcha a restauración do cubo XXXI da Muralla de Lugo

10/05/2019
En marcha a restauración do cubo XXXI da Muralla de Lugo
A Xunta licita as obras de restauración do cubo XXXI da Muralla de Lugo, cun orzamento de 146.500 euros
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a intervención realizarase á altura da rúa Clérigos e terá un prazo de execución de dous meses
Lugo, 10 de maio de 2019.- A Consellería de Cultura e Turismo licita as obras de restauración do cubo XXXI na Muralla de Lugo, por un importe de licitación de 146.500 euros. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a intervención servirá para consolidar a estrutura do monumento á altura da rúa Clérigos e terá un prazo de execución de dous meses.
Os traballos están dirixidos a atallar algunhas patoloxías, como a filtración de humidades e a acumulación de auga que preme sobre o muro interior, consolidando o monumento neste punto. Será preciso proceder á escavación manual arqueolóxica do adarve e escaleira ata a cota orixinal romana.
A escavación permitirá restaurar, documentar e protexer a escaleira, e impermeabilizar a estrutura do cubo con distintas capas de xeotéxtil, arxila natural e grixo, para finalmente completar o recheo e repoñer os muros e os petos.
O seguimento arqueolóxico da obra inclúe a realización de dúas catas coa finalidade de definir o trazado orixinal do cubo romano, a documentación da escaleira, e o levantamento topográfico e a fotogrametría 3D da escaleira exhumada.