Nova: Apoio para a participación de escritores, ilustradores e tradutores nos festivais e feiras internacionais do libro

09/05/2019

Apoio para a participación de escritores, ilustradores e tradutores nos festivais e feiras internacionais do libro

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, reúnese coas asociacións que aglutinan a estes profesionais para dar a coñecer a nova orde de axudas

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2019.- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, mantivo hoxe un encontro na Biblioteca de Galicia coas asociacións de escritores, ilustradores e tradutores para dar a coñecer a nova orde de subvencións para a participación en festivais e feiras internacionais do sector do libro, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que se atopa aberta nestes momentos.

O director xeral trasladou aos asistentes, entre os que figuraban representantes de catro asociacións, que os requisitos para poder resultar beneficiarios son ter asistido e participado nun festival ou feira internacional do sector do libro, acreditar o desenvolvemento da súa actividade na Comunidade Autónoma galega e ter publicado obra en Galicia e na actividade para a que solicita a subvención nos últimos tres anos. Entre os asistentes na reunión estaba Cesáreo Sánchez, da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG); Bea Lema e María Álvarez da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI); Pilar Sanpedro, da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Galix); e Raquel Senra, da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI).

A Consellería de Cultura e Turismo destina uns 30.000 euros para o financiamento dos gastos da viaxe referidos a aloxamento e transporte. Deste xeito, os beneficiarios recibirán un máximo de 600 euros se asisten a un festival ou feira na Unión Europea e 1500 euros se a cita se celebra fóra da UE. O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de maio.

Anxo M. Lorenzo destacou que as feiras e os festivais teñen como obxectivos primordiais o achegamento do libro aos seus potenciais lectores, mediante a súa exhibición, difusión e comercialización, tanto dentro como fóra de Galicia, polo que resulta de gran importancia favorecer a presenza dos creadores galegos neste tipo de eventos.

Comparte