Nova: Virgina Rota, gañadora do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, presenta novo libro

02/05/2019
Virgina Rota, gañadora do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, presenta novo libro
A fotógrafa Virgina Rota gañou a sexta edición deste certame co ensaio fotográfico ‘O mundo ao principio’
Ourense, 2 de maio de 2019.- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, asistiu hoxe, na galería Photoart de Ourense, á presentación do novo libro de Virgina Rota no que se inclúe o proxecto co que a fotógrafa gañou a sexta edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea. Trátase dunha publicación que contén, ademais das imaxes de Rota, textos do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e está deseñada por Xosé Lois Vázquez e editada por Difusora de Letras Artes e Ideas.
O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea ten por obxecto promover a fotografía contemporánea e está dotado cun único premio que consiste na produción dunha exposición temporal no marco do Festival Outono Fotográfico e que poderá itinerar durante dous anos, a edición do libro presentado hoxe e a inclusión do traballo do gañador no libro do Festival Outono Fotográfico do ano seguinte.
Nesta sexta edición, foi galardoado o ensaio fotográfico O mundo ao principio, de Virgina Rota. Trátase dunha pesquisa sobre a infancia e a inocencia. A través de imaxes propias e algunhas realizadas polos propios rapaces, Rota fai unha procura persoal acerca de dous conceptos que non sobreviviron á morte da súa nenez: a beleza e o importante.