Nova: Galicia dá a coñecer as súas máis recentes publicacións na 45ª Feira Internacional do Libro de Bos Aires

25/04/2019

Galicia dá a coñecer as súas máis recentes publicacións na 45ª Feira Internacional do Libro de Bos Aires

A nosa Comunidade conta cun espazo propio destinado á exposición de máis de 200 libros e á realización de actividades de promoción da cultura

A delegación galega, nunha das meirandes citas do mundo neste eido, está formada por escritores e representantes de editoriais da nosa terra

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2019.- Galicia conta un ano máis con representación na 45ª Feira Internacional do Libro de Bos Aires (FILBA), unha das meirandes citas do mundo neste eido e na que a nosa Comunidade está presente desde a súa primeira edición.

A partir de hoxe e ata o próximo mércores 1 de maio, Galicia desenvolverá unha intensa actividade no FILBA, onde conta cun espazo propio de 36 metros cadrados de superficie destinados á exposición de máis de 200 libros publicados na nosa Comunidade no último ano. Así mesmo, este stand servirá para que a delegación galega realice actividades de promoción da cultura e do libro galego.

Este ano a expedición galega está composta polos escritores Luísa Martínez Lorenzo, Marcelino Agís Villaverde, Antonio García Teijeiro e Luis González Tosar. Así mesmo, a Consellería de Cultura e Turismo convidou a representantes de editoriais galegas e este ano asistirán á feira Silvia Bello, secretaria técnica da Asociación Galega de Editoras; Henrique Alvarellos, en representación de Alvarellos Editora, e Laura Rodríguez, de Hércules Ediciones.

As actividades darán comezo hoxe coa conferencia Libros en movemento de Henrique Alvarellos e proseguirán ao longo destes días nos que se celebrarán diversas conferencias que versarán, entre outros, sobre destacados escritores galegos como Antonio Fraguas, homenaxeado nas Letras Galegas deste ano, ou Alfonso Rodríguez Castelao.

Cómpre destacar que Santiago de Compostela foi a cidade convidada de honra da FILBA no ano 2016, recaendo esta distinción na actual edición na cidade de Barcelona.

 

Comparte