Nova: 'Cidade Imaxinaria Primavera' será unha das citas familiares destacadas do Gaiás en abril

16/04/2019

'Cidade Imaxinaria Primavera' será unha das citas familiares destacadas do Gaiás en abril

Trátase dunha tarde familiar gratuíta e ao aire libre que inundará de diversión a Cidade da Cultura con espectáculos acrobáticos, clown e teatro de rúa

Grandes e pequenos gozarán de catro horas ininterrompidas de actividades que inclúen unha Escola de Saltimbanquis, xogos de enxeño elaborados con materiais de refugallo ou un gran labirinto de cor na Praza Central do Gaiás

Haberá zonas para o descanso e postos de petiscos para a merenda e un reforzo no servizo de bus urbano que conecta co centro de Santiago

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2019.- A Cidade da Cultura de Galicia convida as familias a gozar dunha das citas clásicas do Gaiás: a Cidade Imaxinaria. Esta xornada lúdica e familiar que enche de fantasía este recinto volve celebrarse este ano por partida dobre. Por unha banda o 27 de abril para festexar a chegada da primavera e conmemorar o Día Internacional do Circo –que ten lugar uns días antes–; e por outra en agosto, como todos os veráns desde hai xa nove edicións.

Cidade Imaxinaria Primavera consiste nunha tarde de sábado familiar, ao aire libre e de balde, que durante catro horas ininterrompidas ofrece xogos e espectáculos para mergullarse na ilusión e fantasía do circo. Así, malabaristas, trapecistas, equilibristas, saltimbanquis e clowns conquistarán todos os recunchos da Cidade da Cultura, compartindo espazo e programación con xogos de enxeño, teatro de rúa e instalacións de gran formato que transportarán aos máis pequenos e pequenas a un mundo soñado de maxia e fantasía.

Xogos, espectáculos e circo

Entre as 16,00 e as 20,00 horas os espectáculos sucederanse en diferentes puntos dos exteriores da Cidade da Cultura, que acollerán funcións de novo circo, clown, malabares e espectaculares coreografías con acrobacias aéreas para cortar o alento. Divertidas actuacións itinerantes cheas de cor completarán a programación da tarde.

Nunha cita que chega só uns días despois da celebración do Día Internacional de Circo, non faltará tampouco a xa tradicional Escola de Saltimbanquis da Cidade Imaxinaria. Con catro espazos onde a cativada poderá deixar saír sen medo o intrépido acróbata que todo neno leva dentro: zona de malabares, zona acrobática, zona de aéreos e zona de equilibrios.

Os exteriores do Gaiás acollerán tamén vistosas instalacións que inclúen altas esculturas de formas imposibles e cores de fantasía, xogos de enxeño creados a partir de materiais de refugallo e un labirinto de paredes de cor, repleto de encrucilladas e corredores con adiviñas visuais e probas de habilidade. Un espazo sensorial para bebés de 0 a 3 anos completa a oferta de ocio familiar desta Cidade Imaxinaria Primavera.

Nesta tarde de sábado o Gaiás acollerá tamén zonas de lecer para tomarse un descanso ou repor enerxías con postos de bebida e petiscos doces e salgados. Ademais, contarase con reforzo no servizo de autobuses que se suman ás habituais liñas 9 e 11, que conectan o Gaiás co centro de Compostela para facilitar que as familias se acheguen a esta xornada festeira.

Comparte