Nova: Identificados dous valiosos manuscritos do século XIII de Bernardo de Brihuega, colaborador do rei Afonso X

14/04/2019
Identificados dous valiosos manuscritos do século XIII de Bernardo de Brihuega, colaborador do rei Afonso X
As pezas, gardadas no Arquivo Histórico Provincial de Ourense, son fragmentos de 'Vidas y pasiones de los Apóstoles' e constitúen o testemuño máis antigo conservado desta obra
Santiago de Compostela, 14 de abril de 2019.- O Arquivo Histórico Provincial de Ourense (AHPOu) garda na súa colección de pergameos un valioso manuscrito, recentemente identificado, da obra haxiográfica de Bernardo de Brihuega, estreito colaborador do rei Afonso X (1252-84). Trátase de dous fragmentos –un bifolio e unha folla solta– en castelán das Vidas y pasiones de los Apóstoles, datables a finais do século XIII ou comezos do XIV, que constitúen o testemuño máis antigo conservado desta obra, da que até agora só se coñecían algunhas copias tardías (desde segunda metade do XIV até comezos do XVI) en latín, castelán e portugués.
Os fragmentos en cuestión teñen o valor engadido de pertenceren a un códice haxiográfico moi coidado, seguramente de procedencia rexia, en que se copiaría a tradución castelá íntegra do libro II de Bernardo de Brihuega sobre a vida e as paixóns dos apóstolos. Neste caso, o contido conservado nos dous fragmentos correspóndese con varios capítulos da vida e paixón de Santo Tomás, San Marcos e San Andrés.
É moi relevante, ademais, que o bifolio fora reutilizado como capa dun libro de apeo dos bens do convento feminino de Santa Clara de Allariz, único mosteiro galego de fundación real, pois permite reconstruír o itinerario cultural do códice desde a corte castelá até o territorio galego e a súa eventual difusión ao reino portugués nas primeiras décadas do século XIV.
A colección haxiográfica de Bernardo de Brihuega, compilada baixo o mecenado do rei Sabio, estaba composta por cinco libros sobre a historia da Salvación e dos seus protagonistas a partir do Novo Testamento: a vida de Xesús e de Santa María (libro I), as vidas e paixóns dos apóstolos (libro II), as paixóns dos mártires (libro III), as vidas dos confesores (libro IV) e as vidas das virxes (libro V).
Fonte principal da 'General estoria'
A tradución desta obra ao castelán, realizada polo propio de Brihuega, ademais de circular como unha obra independente, como demostra o fragmento do AHPOu, tería sido empregada como fonte principal para a composición dalgunhas seccións da compilación universal de Afonso X, a General estoria. Desde finais do século XIII e durante as centurias seguintes, a obra vernácula de Brihuega tería sido difundida e traducida no Occidente peninsular, como demostra o fragmento do AHPOu e as diferentes versións portuguesas hoxe conservadas.
Os fragmentos do AHPOu foran descritos nun principio por Antonio Odriozola como parte da General estoria, mais o recente estudo de Ricardo Pichel (Universidade de Alcalá), quen prepara actualmente unha edición e estudo completo do manuscrito, permitiu identificalos coa obra haxiográfica de Bernardo de Brihuega e afinar a súa datación a cabalo dos séculos XII e XIV.
Centro dependente da Xunta
O Arquivo Histórico Provincial de Ourense, dependente da Consellería e Cultura e Turismo, é un institución cultural de titularidade estatal e xestión transferida. Nos cinco quilómetros lineais de andeis dos seus depósitos custodia 221 fondos, dos que 153 son de orixe privada. O Arquivo ten a súa sede no antigo palacio episcopal, onde presta servizo a toda clase de usuarios, que acoden a el por motivos administrativos, de investigación histórica ou culturais.