Nova: Mondoñedo, Viveiro e Ribadeo mellorarán a experiencia do turista con audioguías en tres novos idiomas

12/04/2019
Mondoñedo, Viveiro e Ribadeo mellorarán a experiencia do turista con audioguías en tres novos idiomas
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que poderán descargarse gratuitamente e “mellorarán a experiencia do turista máis esixente, que se interesa polo patrimonio e a cultura”
A iniciativa finánciase con cargo ao convenio polo que o Goberno galego achega 160.000 euros para a promoción turística da comarca
Mondoñedo (Lugo), 12 de abril de 2019.- A Xunta de Galicia colabora coa Mancomunidade de Municipios da Mariña na tradución ao castelán, inglés e francés das audioguías turísticas dos tres concellos que son porta da entrada ao xeodestino: Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro.
As audioguías ofrecen un paseo polos principais puntos de interese de cada municipio e foron presentadas hoxe na Casa Museo de Álvaro Cunqueiro en Mondoñedo, nun acto no que participaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, a alcaldesa do municipio, Elena Candia, e o presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano, entre outros.
Balseiro explicou que este proxecto finánciase con cargo ao convenio que subscribe coa Mancomunidade o Goberno galego a través de Turismo de Galicia, polo que achega 160.000 euros para accións de promoción turística da comarca.
Afirmou que as audioguías poderán descargarse gratuitamente na web da Mancomunidade, e “mellorarán a experiencia do turista máis esixente, que se interesa polo patrimonio e a cultura”. Ademais, o concello de Mondoñedo prestará dende hoxe mesmo dispositivos mp3 e cascos illantes aos visitantes que o desexen tanto na Catedral como na Casa Museo de Ávaro Cunqueiro.
O delegado indicou que esta medida completa un recurso que xa existía pero só en galego, “para que chegue a máis xente, porque a maioría das persoas que nos visitan domina algún dos idiomas nos que se ofrecen”.
O delegado instou a expandir esta iniciativa, incorporando aos outros concellos da Mancomunidade e facilitando audioguías en lugares sinalados ou ben información sobre as posibilidades de descarga nos dispositivos móbiles particulares.
No acto de hoxe tamén se presentou o material promocional deste produto, folletos e carteis para as oficinas de turismo. Para poder ampliar información, escoitar e descargar gratuitamente as audioguías habilitouse unha sección na web da Mariña lucense