Nova: Santiago de Compostela acolle a preestrea do filme Memorias dun home en pixama

27/12/2018

Santiago de Compostela acolle a preestrea do filme Memorias dun home en pixama

O filme foi producido co apoio da Xunta de Galicia

A película está dirixida polo galego Carlos Fernández de Vigo e está nomeada a mellor longametraxe de animación nos Premios Goya 2019

Recibiu 257.000 euros pola convocatoria da Agadic para producións e coproducións audiovisuais de 2015

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2018.- O equipo artístico e técnico de Memorias dun home en pixama reuniuse esta tarde no Auditorio Abanca de Santiago de Compostela con motivo da preestrea da película, unha longametraxe de animación que contou con subvención da Xunta de Galicia para a súa produción e que chegará aos cines comerciais o vindeiro 4 de xaneiro.

Realizada en 2D, a fita é a adaptación cinematográfica da tira cómica homónima do ilustrador catalán Paco Roca, que foi levada ás pantallas cunha ampla participación galega, xa que está dirixida por Carlos Fernández de Vigo (Carlos FerFer) e coproducida por Ángel de la Cruz, quen tamén asina o guión xunto con Diana López Varela e o propio Roca. Nas voces que dan vida ás personaxes da ficción atopamos tamén nomes de destacados intérpretes galegos, como Manuel Manquiña, María Castro ou Tacho González.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, asistiu ao acto de preestrea, no que acompañou os profesionais que materializaron este proxecto compartido entre a produtora galega Ézaro Films xunto con Team Concept e Hampa Studio. O filme contou co apoio da Consellería de Cultura e Turismo que, a través da Agadic, adxudicoulle 257.000 euros pola convocatoria de 2015 de subvencións á produción e coprodución audiovisual de contido cultural galego.

A película, de 80 minutos de duración, narra en clave de comedia con trazos autobiográficos a historia de Paco, un home que na plenitude da súa vida acada o seu soño infantil: traballar desde a casa e en pixama. Nesta situación fala dos seus problemas amorosos, dos seus amigos, da crise dos corenta, das súas visitas ao ximnasio... Pero cando cre ter atopado a felicidade, irrompe na súa vida a rapaza da que namorou.

Memorias dun home en pixama, que se presentou o pasado mes de abril no Festival de Málaga, recibiu o Premio Galicia na última edición do Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF) e é candidata a mellor película de animación nos Premios Goya 2019 que entregará no vindeiro mes de febreiro en Sevilla a Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España.