Nova: Jane Eyre, A leituga e Carpe diem chegarán no primeiro semestre de 2019 ao Teatro Principal de Ourense

19/12/2018

Jane Eyre, A leituga e Carpe diem chegarán no primeiro semestre de 2019 ao Teatro Principal de Ourense

As propostas do Teatre Lliure, Eme2 e Producións Teatráis Excéntricas chegarán ao escenario ourensán dentro da Rede de Teatros e Auditorios da Xunta, o circuíto que a Agadic mantén xunto a 40 espazos asociados e que ten prevista unha oferta de 349 citas culturais de xaneiro a xuño

Estes tres espectáculos forman parte da carteleira que preparou o Teatro Principal para o primeiro semestre de 2019 xunto a outra vintena de funcións e concertos

Ourense, 19 de decembro de 2018.- O Teatro Principal de Ourense anunciou hoxe a carteleira escénica e musical que desenvolverá durante o primeiro semestre de 2019 e dentro da que se inclúen as tres funcións que ofrecerá como espazo asociado á Rede Galega de Teatros e Auditorios, impulsada pola Xunta a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

En concreto, exhibiranse os espectáculos teatrais Jane Eyre, producido orixinalmente polo Teatre Lliure de Barcelona e protagonizado por Ariadna Gil, o 10 de febreiro; A leituga, da compañía galega Eme2, o 16 de febreiro; e Carpe diem, da tamén galega Producións Teatráis Excéntricas, o 7 de abril.

Con estas tres propostas, darase continuidade á programación que o Teatro Principal leva a cabo desde hai dúas décadas como integrante da rede da Agadic, dentro da que nos vindeiros días ofrecerá outras cinco montaxes, comezando por Crimen y telón, que Ron Lalá porá en escena este mesmo venres. O resto insírese na programación infantil especial para o Nadal: Arte’n’rúa, que presentará o seu espectáculo homónimo o 26 de decembro; Caramuxo Teatro, que estará o 27 de decembro coa obra Ela, unha homenaxe á pintora Maruxa Mallo; Eme2 Emoción &Arte, que porá en escena o 28 de decembro Contacreques; e Tanxarina Títeres, que chegará o 29 de decembro con A galiña azul, a emblemática peza de Carlos Casares.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, detallou estas funcións na presentación da programación completa que o escenario da rúa da Paz desenvolverá de xaneiro a xuño de 2019 e na que tamén interviñeron Rosendo Luis Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial, e Olga Mojón, directora do Principal.

Traballo común a prol das artes escénicas

Tras salientar a calidade e variedade desta carteleira, que inclúe outra vintena de citas co teatro, a ópera e a música, Sutil centrouse na actividade que o Teatro Principal desenvolve no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios, da que tamén forma parte o Auditorio Municipal ourensán. “Xuntos contribuímos á máxima difusión das artes escénicas na nosa Comunidade, co dobre obxectivo de dinamizar o mercado interior para os espectáculos aquí producidos e de favorecer o acceso do público galego a propostas de éxito de fóra de Galicia”.

O director da Agadic adiantou que o circuíto da Xunta xa ten pechado o seu calendario de representacións para o primeiro semestre de 2019, “con importantes novidades de xestión interna pero, sobre todo, cunha viva carteleira de 349 citas culturais a cargo de 115 formacións artísticas, maioritariamente galegas, por 40 espazos das catro provincias”. Así mesmo, explicou que a Rede Galega de Teatros e Auditorios pechará o ano 2018 despois de ter ofrecido unhas 600 funcións e concertos.

Comparte