Nova: O Museo do Ferrocarril acolle a mostra de fotografías gañadoras do certame Enxeñería Industrial na Sociedade

18/12/2018

O Museo do Ferrocarril acolle a mostra de fotografías gañadoras do certame Enxeñería Industrial na Sociedade

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, participou na inauguración da exposición, que promoven a Asociación e o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia

Monforte de Lemos (Lugo), 18 de decembro de 2018.- O Museo do Ferrocarril de Galicia (Muferga) acolle dende hoxe a exposición de fotografías gañadoras da terceira edición do concurso de fotografía Enxeñería Industrial na sociedade.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participou hoxe na inauguración da exposición, que ao igual que o certame está promovida pola Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia en colaboración co Colexio Oficial do sector.

Balseiro explicou que a mostra “pon o foco no patrimonio industrial, que contribúe a configurar o territorio” e invita a “atopar a beleza en construcións de enxeñería concibidas para ser útiles, rendibles, eficaces”.

A Consellería de Cultura e Turismo colabora con esta exposición itinerante, que xa estivo na Delegación Territorial da Xunta en Lugo e permanecerá no Muferga ata o vindeiro mes de abril. Conforman a mostra 30 fotografías que teñen por obxectivo poñer en valor o importante papel deste colectivo profesional na sociedade e mostrar o abano de atribucións e competencias relacionadas co sector.

En concreto, son as 25 fotografías máis votadas nas redes sociais do Colexio Oficial, máis 5 fotografías rescatadas polo xurado de entre o resto das que se presentaron ao concurso.

Comparte