Nova: Carlos Meixide gaña o I Premio de Novela Camiño de Santiago coa obra Camiños de paixón 

17/12/2018

Carlos Meixide gaña o I Premio de Novela Camiño de Santiago coa obra Camiños de paixón 

Román Rodríguez destaca o potencial da literatura para promover e divulgar o fenómeno Xacobeo na entrega do galardón, dotado con 6000 euros e coa publicación da obra por Galaxia

Cultura e a Academia Xacobea convocan este novo certame, ao que se presentaron un total de quince orixinais
 

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2018.- O xornalista e escritor Carlos Meixide alzouse coa súa obra Camiños de paixón coa primeira edición do Premio de Novela Camiño de Santiago, segundo se deu a coñecer hoxe no acto de entrega deste certame celebrado na Sala Eisenman da Cidade da Cultura de Galicia.

O premio, convocado pola Academia Xacobea, en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo e co patrocinio de Naturgy, está dotado con 6.000 euros e a novela gañadora será publicada pola Editorial Galaxia, tanto en galego como en castelán. Nesta ocasión recibíronse un total de quince propostas nas que o Camiño estaba presente de maneira notoria na narración, na súa vertente física, histórica, cultural, social ou imaxinaria.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, trasladoulle os seus parabéns ao gañador e destacou que con este premio “imos á procura da palabra literaria que orbita nas rutas a Compostela”, lembrando que “a literatura é unha ferramenta excelente para promover e divulgar o Camiño de Santiago e o fenómeno xacobeo”.

Neste sentido, o titular de Cultura subliñou o feito de que se trata “dun premio especial, que vencella a nosa creatividade cunha das realidades que mellor caracterizan a Galicia, como é o Camiño”. Rodríguez concluíu a súa intervención afirmando que o talento e a intelixencia das nosas escritoras e escritores axudarán a divulgar, espertar a curiosidade e construír a memoria colectiva, presente e futura, do Camiño de Santiago.

O xurado estivo composto polo presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou; o escritor Ulises Bértolo; a responsable de Relacións Institucionais e Comunicación de Naturgy en Galicia, Amalia Baltar; o catedrático de Historia da USC, Pegerto Saavedra; a escritora Rosalía Morlán, e o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro.

No acto de hoxe participaron, ademais do conselleiro, o presidente e o secretario da Academia Xacobea, Xesús Palmou e Ulises Bértolo, respectivamente; o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e o delegado de Naturgy en Galicia, Manuel Fernández Pellicer.
 

Comparte