Nova: Inícianse os trámites para declarar o Colexio dos Pais Escolapios de Monforte Ben de Interese Cultural

12/12/2018

Inícianse os trámites para declarar o Colexio dos Pais Escolapios de Monforte Ben de Interese Cultural

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2018.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantivo un encontro cos responsables do colexio dos pais Escolapios de Monforte, no que lles trasladou que a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural iniciará os trámites para declarar o colexio de Nosa Señora da Antigua como Ben de Interese Cultural.

Este conxunto monumental está formado polo edificio do colexio coa fachada de estilo renacentista, a igrexa de Nosa Señora da Antigua, o claustro e o museo. O templo alberga importantes obras de arte entre as que destaca o retablo maior de Francisco Moure que data de principios do século XVII e a estatua do cardeal Rodrigo de Castro fundida en bronce, obra do escultor Juan de Bolonia. O museo, instalado na antiga sancristía, conta con dous óleos de El Greco e cinco táboas de Andrea del Sarto.
 

Comparte