Nova: A creación literaria galega, representada na 32ª edición da Feira Internacional do Libro de Guadalajara (México)

27/11/2018

A creación literaria galega, representada na 32ª edición da Feira Internacional do Libro de Guadalajara (México)

Os autores e autoras Rosalía Fernández Rial, Manel Loureiro, Arantza Portabales e a ilustradora Macus Romero, difunden as súas obras con charlas e lecturas na cita profesional do sector editorial máis importante de Iberoamérica

Desde o pasado 24 de novembro ata o 2 de decembro a cultura galega está presente na trixésimo segunda edición da feira, cun stand de Galicia e cun programa de actos profesionais e para público xeral

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2018.- Galicia conta unha vez máis con representación na Feira Internacional do Libro (FIL) de Guadalaxara, que se desenvolve na cidade mexicana ata o vindeiro 2 de decembro. Nesta trixésimo segunda edición do que constitúe o evento editorial profesional máis relevante de Iberoamérica a cultura galega está representada polos escritores e escritoras Rosalía Fernández Rial, Manel Loureiro, Arantza Portabales e pola ilustradora Macus Romero.

A literatura galega será protagonista estes días na FIL coa programación de actividades promovida pola Consellería de Cultura e Turismo para impulsar a proxección exterior da cultura galega e para favorecer novas oportunidades comerciais no sector editorial galego.

Os autores e autoras participarán en diversas actividades para dar a coñecer a creatividade literaria galega no espazo internacional, con conferencias, contacontos, presentacións, sinaturas de libros e encontros, tanto no marco da programación cultural promovida pola Xunta de Galicia como nas actividades programadas pola organización da feira.

Para dar a coñecer e promover o sector editorial galego, a Xunta de Galicia tamén dispón na feira dun stand con espazos habilitados para as reunións comerciais e para a información permanente dos visitantes, no que se exhibe unha selección dos títulos máis recentes dalgunhas das principais editoriais galegas.

Proxección do libro galego nas feiras internacionais

A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral de Políticas Culturais, vén apoiando a promoción exterior do sector editorial galego nos principais eventos internacionais vinculados co sector editorial, unha programación desenvolvida en diálogo coa Asociación Galega de Editores e coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, que foi presentada no Consello Asesor do Libro. Durante este 2018, Galicia participou cun stand propio nas feiras internacionais de Frankfurt e Buenos Aires, ademais de Liber (Barcelona).

Oportunidade comercial

Coa súa participación nas feiras internacionais do libro, os profesionais do sector teñen a oportunidade de estreitar lazos e de favorecer acordos comerciais con editores e distribuidores de numerosos países americanos. Autores, axentes literarios, bibliotecarios, libreiros e máis de 2.000 editoriais de case 50 países participan nesta feira que este ano ten como país convidado a Portugal.

Comparte