Nova: Presentada a 23ª edición do Festival Internacional de Cine de Ourense

23/11/2018
Presentada a 23ª edición do Festival Internacional de Cine de Ourense
O OUFF conta co apoio da Xunta de Galicia a través dun convenio de colaboración
Ourense, 23 de novembro de 2018.- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, participou hoxe na presentación do programa do 23º Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF), que se celebrará do 29 de novembro ao 5 de decembro na cidade e que ten como obxectivo promocionar en Galicia o cinema así como dar visibilidade ás producións galegas. OUFF conta co apoio da Xunta de Galicia a través dun convenio de colaboración para a realización de actividades relacionadas co festival en diversos espazos de Ourense.
OUFF é un dos acontecementos máis destacados en Galicia na súa especialidade, un festival que converte a cidade das Burgas nunha gran sala de cine na que o público pode gozar de producións cinematográficas non estreadas nos circuítos, de ciclos centrados en actores, directores e cinematografías de prestixio internacional que abrangue numerosas nacionalidades, ao tempo que se erixe como un punto de encontro anual para os profesionais do sector en Galicia. Ao longo da súa existencia, participaron no certame cintas de máis de 140 países e un gran número das películas premiadas neste festival atoparon posteriormente unha distribución comercial, amosando así a viabilidade de proxectos alternativos nos circuítos habituais.