Nova: Asubíos chega a Santiago da man de FalaRedes

22/11/2018

Asubíos chega a Santiago da man de FalaRedes

A peza teatral, da compañía do Elefante Elegante e dirixida a cativada de máis de tres anos, fai fincapé na necesidade de implicármonos no coidado medio natural

A actividade chega ata decembro a 20 localidades da Rede de Dinamización

Coma sempre, a entrada ás funcións deste programa é libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos programados

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2018.- A capital de Galicia acollerá este domingo unha nova actividade do FalaRedes, o programa de dinamización que a Consellería de Cultura e Turismo impulsa a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O lugar elixido é o Centro Sociocultural de Conxo, onde ás 18:30 horas se poderá ver a obra Asubíos, da coñecida compañía teatral do Elefante Elegante. A entrada, como é habitual neste programa da Xunta, é libre e de balde, ata completar a capacidade do espazo programado.

Asubíos é a quinta actividade do FalaRedes 2018, unha peza teatral inspirada no universo literario do escritor Mia Couto e no conto O frautista de Hamelín recollido polos irmáns Grimm. Se no orixinal do mozambicano o asunto de fondo era a racismo, na reinterpretación que fai a compañía do Elefante Elegante o eixo temático muda e oriéntase ao medio natural e á necesidade de vivir en harmonía con el. A obra está especialmente indicada para familias con cativada desde os tres anos de idade.

Próximas paradas: Negreira e Barbadás

Despois da función deste domingo, o FalaRedes regresará o vindeiro domingo 2 de decembro. Ese día as familias dos municipios de Negreira e Barbadás teñen cadansúa cita co Elefante Elegante. Na capital da Barcala, ás 13:00 horas, no Centro Sociocultural. En Barbadás, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura. Posteriormente, ata o 9 de decembro Asubíos pasará polos concellos de Monterroso, Silleda, Cea, Vilamarín, Salvaterra de Miño e Castrelo de Miño.

Desde o mes de abril e ata finais de ano, as actividades do FalaRedes están a percorrer os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con máis de 190 entidades adscritas. Nas seis edicións anteriores do programa foron preto de 900 as actividades programadas para públicos de todas as idades.

Toda a información sobre esta edición dispoñible no Portal da Lingua Galega, nas redes sociais da RDL e na Axenda de Cultura de Galicia.

Comparte