Nova: A Asociación de Amigos do Camiño de Santiago celebra en Xapón o seu décimo aniversario

08/11/2018

A Asociación de Amigos do Camiño de Santiago celebra en Xapón o seu décimo aniversario

Nesta década, o número de peregrinos xaponeses multiplicouse por cinco e preto de 10.000 viaxeiros aloxáronse en establecementos hoteleiros no que vai de ano

O apoio a este colectivo, un dos galardoados na última edición dos Premios Camiño de Santiago, responde ao compromiso da Xunta co asociacionismo 

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2018.- A Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Xapón cumpre dez anos e a Consellería de Cultura e Turismo acompañou en Tokío na celebración desta efeméride aos membros e directivos deste colectivo, convertido nun dos referentes xacobeos deste país asiático.

Deste xeito, a directora de Promoción de Turismo de Galicia da Consellería de Cultura e Turismo, Carmen Pita, participou hoxe nun acto que tivo lugar na embaixada de España na capital xaponesa convocado ao obxecto conmemorar este acontecemento. Coa súa presenza, o Goberno autonómico puxo en valor o traballo desta asociación, unha das entidades distinguidas recentemente na última edición dos Premios Camiño de Santiago, convocados por este departamento da Xunta.

No acto recoñeceuse o importante papel que desenvolve no ámbito dos hospitaleiros dos albergues do Camiño de Santiago axudando cada ano aos cada vez máis numerosos peregrinos xaponeses na súa peregrinación. A Consellería de Cultura e Turismo tamén agradeceu o seu labor de divulgación coa edición de guías e a organización de charlas, seminarios e conferencias arredor da peregrinación; así como coas tarefas de sensibilización que desenvolve entre a sociedade xaponesa.
 

Difusión da cultura xacobea

O apoio a esta asociación enmárcase no traballo da Xunta, incluído no Plan director do Camiño de Santiago, que ten moi en conta o papel das asociacións de amigos do Camiño de Santiago, que suman máis de 300 en todo o mundo, e que dedica unha das súas liñas de acción a impulsar as relacións internacionais reforzando os contactos con administracións e axentes estranxeiros para reforzar a difusión da cultura xacobea no mundo.

Neste sentido, Galicia e Xapón manteñen desde hai anos estreitos vínculos de colaboración. Neste 2018 estase a celebrar o vinte aniversario da irmandade entre o Camiño de Santiago e o xaponés de Kumano-Kodo, ambos declarados Patrimonio mundial e, ademais, Galicia colabora coa ruta xaponesa de Shikoku-Henro, asesorándoa no proceso para contar con este recoñecemento outorgado pola Unesco.

Estes vínculos institucionais unidos ao traballo levado a cabo por colectivos como a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Xapón están a contribuír a que o número de peregrinos xaponeses medre cada ano. De feito, nestes dez anos de historia da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Xapón, cabe salientar este importante incremento pasando dos 300 de 2008 aos máis de 1.400 do ano 2017, o que supón que a cifra se multiplicase por cinco e subise máis do 360%.

No ámbito turístico, ao longo dos nove primeiros meses deste ano, Galicia recibiu preto de 10.000 viaxeiros xaponeses que realizaron más de 17.200 pernoitas nos establecementos hoteleiros galegos.