Nova: O Museo das Peregrinacións conmemora o seu terceiro aniversario cunha xornada de portas abertas

08/11/2018

O Museo das Peregrinacións conmemora o seu terceiro aniversario cunha xornada de portas abertas

Celebrarase mañá venres 9 de novembro e contará con diversas visitas comentadas a cargo de TEP Teatro en Punto e do arquitecto Ángel Panero e cun concerto de música renacentista de Capela Compostelana

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2018.- A Xunta de Galicia conmemora mañá o terceiro aniversario do Museo das Peregrinacións cunha xornada gratuíta de portas abertas na que os asistentes poderán visitar de balde as instalacións en horario de 9,30 a 20,30 horas.

A celebración da efeméride tamén inclúe visitas contadas da man de TEP Teatro en Punto ás 11,00; 12,00 e 13,00 horas, así como a visita comentada Unha mirada á arquitectura do edificio, a cargo do arquitecto Ángel Panero (os interesados deberán inscribirse previamente no teléfono 881 867 401). A programación da xornada pecharase co concerto de música renacentista de Capela Compostelana ás 19,30 horas.

Cómpre destacar que o Museo das Peregrinacións conta con importantes coleccións de escultura, pintura, artes decorativas en xeral, así como de bens arqueolóxicos, elementos etnográficos e fondos documentais e bibliográficos. Na actualidade, estas instalacións contan cunha ampla variedade de fondos relativos á iconografía xacobea, unha importante colección de acibeche así como un fondo bibliográfico antigo sobre o culto xacobeo.
 

Día do Patrimonio

O vindeiro venres 16 de novembro, a Xunta tamén celebrará o Día do Patrimonio, incorporando á colección do Museo das Peregrinacións dous óleos sobre táboa do século XVI que, tras un longo e complexo proceso de restauración, estarán dispoñibles para os visitantes. Ese mesmo día a entrada será gratuíta durante todo o día e ás 19,00 horas terá lugar a presentación e explicación do traballo realizado nestas obras por parte do equipo de TAU Restauración. Acto seguido, o arpista Manuel Vilas interpretará obras musicais da mesma época.