Nova: A Cidade da Cultura amosa que non hai barreiras para a creación artística coa exposición COGAMI: Pezas e trazos

05/11/2018
A Cidade da Cultura amosa que non hai barreiras para a creación artística coa exposición COGAMI: Pezas e trazos
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, inaugurou esta escolma de traballos, que simbolizan a promoción dunha cultura accesible e inclusiva
A mostra exhibe 32 obras compostas por 20 pinturas, 11 fotografías e unha creación literaria, realizadas en obradoiros artísticos por persoas con discapacidade física e/ou intelectual
Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2018.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), Anxo Queiruga, inauguraron esta mañá na Sala Eisenman da Cidade da Cultura a exposición COGAMI: Pezas e trazos, unha mostra que ofrece unha escolma dos traballos levados a cabo por parte de 244 persoas con discapacidade física e/ou intelectual, realizados en centros e asociacións de diferentes zonas de Galicia no marco do programa EnREDarte. A mostra inclúe un total de 32 obras –20 pinturas, 11 fotografías e unha creación literaria– e está comisariada por Catuxa Pereira.
“A arte e a cultura serán útiles se favorecen a igualdade e a tolerancia; se promoven o desenvolvemento persoal e a autoestima”, defendeu Román Rodríguez na súa intervención, na que incidiu en que con proxectos como EnREDarte búscase promover “unha cultura accesible e inclusiva”. Accesible e próxima para que todas as persoas, con independencia da súa situación social, económica ou social, poidan desfrutar dela. E inclusiva porque non só se busca favorecer o acceso das persoas con discapacidade, senón fomentar a súa participación plena como creadoras.
Pola súa banda, o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, destacou que “as persoas participantes viven experiencias culturais que lles permiten desenvolver a curiosidade, a formación do gusto e o sentido estético e crítico”.
A inauguración da exposición contou coa presenza da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez Reboredo, e da directora de Acción Cultural do Gaiás, María Pereira Otero.
Á procura de experiencias positivas
Con esta exposición, enmarcada no programa EnREDarte, COGAMI e a Consellería de Cultura pretenden proporcionar experiencias culturais positivas que permitan desenvolver a curiosidade e o sentido estético e crítico. Deste xeito, Pezas e trazos procura rachar estereotipos e ideas preconcibidas e achega á sociedade a mensaxe de que, cando as persoas contan cos medios adecuados, todas as metas son posibles.
O programa EnREDarte engloba obradoiros de escritura creativa, fotografía, danza, teatro e música. Desde COGAMI, sublíñase que “o resultado destes traballos vai máis alá do lúdico para entrar no terreo artístico” e supón “potenciar habilidades como una vía par adquirir outras, empoderando á propia persoa fronte á sociedade".
A Cidade da Cultura enmarca esta colaboración con COGAMI no obxectivo de promover a cultura como vía de integración social e desenvolvemento persoal e no seu compromiso de abrir o programa de actividades e os espazos da Gaiás a todos os públicos.
A exposición destes traballos poderá visitarse de balde na Sala Eisenman da Cidade da Cultura ata o vindeiro venres, 9 de novembro.