Nova: A sinalización de nove igrexas románicas de Xinzo de Limia recibe unha inversión de preto de 12.000 euros

29/10/2018

A sinalización de nove igrexas románicas de Xinzo de Limia recibe unha inversión de preto de 12.000 euros

A Xunta inviste preto de 12.000 euros na sinalización de nove igrexas románicas de Xinzo de Limia   

Esta intervención está enmarcada na liña de axudas da Consellería de Cultura e Turismo para o fomento da accesibilidade e sinalización turística nos recursos turísticos no medio rural

A delegada territorial en Ourense comprobou o resultado desta actuación e lembrou que este ano 25 entidades locais da provincia recibiron un total de 676.000 euros

Xinzo de Limia (Ourense), 29 de outubro de 2018.- A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou hoxe o concello de Xinzo de Limia para comprobar o resultado da sinalización do conxunto de 9 igrexas románicas, consideradas como un dos seus principais recursos turísticos e patrimoniais.

Esta intervención está enmarcada na liña de axudas para o fomento da accesibilidade e sinalización turística nos recursos turísticos no medio rural e supuxo un investimento de case 12.000 euros por parte da Consellería de Cultura e Turismo.

A actuación consistiu na instalación de paneis interpretativos que permiten ao visitante comprender e coñecer as singularidades históricas e artísticas de cada unha destas igrexas: Santa Mariña de Xinzo, San Tomé de Morgade, San Pedro de Boado, Santo André de Piñeira Seca, San Xoán de Guntimil, San Xoán de Seoane de Oleiros, San Nicolau de Novás, Santa María de Laroá e San Pedro de Solbeira de Milia. Os paneis emprazáronse nas proximidades nas igrexas, fóra dos seus adros e en lugares nos que non supoñen un obstáculo visual para a súa contemplación.

Durante a visita, Marisol Díaz salientou o compromiso da Xunta co impulso turístico dos concellos a través das numerosas liñas de axudas que se convocan anualmente e explicou que o obxectivo é dotar ao medio rural de Galicia das infraestruturas e sinalización adecuadas para convertelo nun recurso turístico accesible.

A delegada territorial lembrou que este ano, ao abeiro desta liña, se concederon axudas por un importe de preto de 676.000 euros a un total de 25 entidades locais da provincia de Ourense

Comparte