Nova: O Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento celebra o seu 75 aniversario

22/10/2018

O Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento celebra o seu 75 aniversario

Feijóo destaca o traballo do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento e incide en que a cultura é unha suma de xeracións, de pensamentos, experiencias e sentimentos

Subliña que os Cadernos Ramón Piñeiro, a biblioteca, os fondos de prensa local, os manuscritos que recollen momentos singulares do pasado, non son un material estéril senón voces que nos seguen falando da grandeza de Galicia

Afirma que cultivar e conservar a cultura permite ter un guía adecuada no presente e no futuro

Asevera que a historia e a cultura non poden ser privatizadas por ningunha corrente ou sector porque nesa historia e nesa cultura están os antepasados de todos

  • Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento | Imaxe: CSIC Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento | Imaxe: CSIC
  • 75 aniversario do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento 75 aniversario do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento
  • 75 aniversario do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento 75 aniversario do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento
  • 75 aniversario do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento 75 aniversario do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2018.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o traballo do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento que, máis aló da pura erudición, contribúe á cohesión do país. “Indagar nas redes de parentesco na Idade Media, no fenómeno das peregrinacións, na heráldica ou no papel das escritoras galegas no século XIX, contribúe á cohesión do país. Fainos ver que non somos un pobo recentemente chegado á historia, e que tampouco somos un pobo que despois dun pasado notable, desvanécese. Seguimos aquí con raíces e ramas que se alzan cara ao futuro”, dixo.

Durante o acto do seu 75 aniversario, Feijóo subliñou que os Cadernos Ramón Piñeiro, a biblioteca, os fondos de prensa local, os manuscritos que recollen momentos singulares do pasado, non son un material estéril senón voces que nos seguen falando da grandeza de Galicia.

Respecto diso, aseverou que Sánchez Cantón, Filgueira Valverde, Río Barja e Eduardo Pardo de Guevara, merecen as felicitacións dun país que ten neste instituto un sólido alicerce. “Grazas por rescatar e exaltar unha historia e unha cultura nas que nos miramos con orgullo e tolerancia”, abundou.

Ao longo da súa intervención, o presidente do Executivo autonómico aseverou que ese papel aglutinador da cultura e a historia aumenta a súa importancia en tempos que tenden á fragmentación social. Non en balde, a comunidade require valores comúns, e eses valores son transmitidos pola historia e a cultura.

Nesta concepción, Feijóo incidiu en que a cultura é unha suma de xeracións, de pensamentos, experiencias e sentimentos; e cultivala e conservala non é soamente unha homenaxe aos devanceiros, senón que permite ter un guía adecuada no presente e no futuro.

O responsable autonómico subliñou que aos galegos nos resulta estraña a cultura ou a historia entendidas como modernas mazás da discordia e aseverou que a historia e a cultura non poden ser privatizadas por ningunha corrente ou sector porque nesa historia e nesa cultura están os antepasados de todos.

Comparte