Nova: Cultura favorece a formación en materia de financiamento europeo para proxectos do sector cultural

26/09/2018
Cultura favorece a formación en materia de financiamento europeo para proxectos do sector cultural
Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2018.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou hoxe na nova xornada do curso Formación inicial sobre a Unión Europea e as súas fontes de financiamento para o sector cultural, promovido pola Consellería de Cultura e Educación en colaboración coa Escola Galega de Admnistración Pública (EGAP) e que se desenvolve ata o 3 de outubro na capital galega. Na súa intervención, o secretario xeral incidiu no interese de adquirir unha formación inicial xeral sobre a Unión Europea orientada ao sector da cultura, como base para afondar nas posibilidades de financiamento europeo que poden ser aplicables a proxectos dos diferentes ámbitos nesta materia.
Dirixido especialmente a persoal da administración e coordinado pola técnica de Asuntos Culturais Europeos da Secretaría Xeral de Cultura, Mar Nogueira, o curso estrutúrase en dous bloques, un primeiro de contextualización, que inclúe tanto a exposición da estrutura das institucións que conforman a UE como a análise das funcións que teñen encomendadas e as fontes estruturais de financiamento; e un segundo bloque centrado nos diferentes programas europeos aos que presentar proxectos culturais.