Nova: Aberto o prazo de inscrición para as novas propostas do ciclo Monumenta, andar con arte

13/08/2018

Aberto o prazo de inscrición para as novas propostas do ciclo Monumenta, andar con arte

Meigas e feitizos con Gustav Henningsen en Ordes e O Camiño Real a San Pedro de Rocas, en Esgos son as actividades que terán lugar a vindeira fin de semana

As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o 17 de agosto na web monumentagalicia.com
 

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2018.- As novas propostas do ciclo Monumenta, andar con arte para a vindeira fin de semana levarán aos seus participantes a descubrir Meigas e feitizos con Gustav Henningsen, nunha cita que terá lugar o sábado 18, ás 18:00 horas en Ordes. O camiño real a San Pedro de Rocas é a andaina prevista para o domingo 19, a partir das 10:30 horas. O prazo de inscrición para participar en calquera das dúas actividades está aberto ata o vindeiro venres 17 na web do programa http://monumentagalicia.com e a admisión realízase por orde de inscrición.

Tras o seu paso por Lugo, A Guarda e Valdoviño, Monumenta trasládase a vindeira fin de semana ao concello de Ordes para ir tras os pasos do antropólogo danés Gustav Henningsen, autoridade internacional en materia de Inquisición e bruxería que pasou por Ordes hai máis de medio século, na procura das pegadas das meigas. Co profesor de música e investigador Xavier Groba como camiñante convidado e a colaboración do Colectivo Mutante Creativo, que fará unha visita guiada pola arte urbana da vila, a música correrá a cargo do dúo formado pola tocadora Carme da Pontragha e o zanfoneiro Ariel Ninas.

O domingo 19, Esgos será o punto de encontro para percorrer o Camiño Real a San Pedro de Rocas, acompañados polas arqueólogas Nieves Amado Rolán e Rebeca Blanco-Rotea e a guía María Abuín Fernández. Monumenta Escoita estará protagonizado por Os amigos dos músicos.
 

Propostas ata o 2 de setembro

Ata o 2 de setembro, o ciclo seguirá durante as fins de semana, con andainas en Palas de Rei, A Peroxa e Bueu, que contarán con camiñantes convidados para guiar a visita en cada unha das xornadas, ademais de música ao vivo.

Monumenta naceu no ano 2013 como unha experiencia para vivir e sentir o patrimonio, apreciando ao camiñar a súa singularidade cultural e paisaxística. A Secretaría Xeral de Cultura procura con esta iniciativa contribuír cunha oferta cultural descentralizada, moi vinculada co local. Pódese consultar a programación completa sobre o ciclo na páxina web www.cultura.gal e mais en http://monumentagalicia.com/, onde cómpre realizar a inscrición.

Comparte