Nova: Viveiro presenta a súa Feira do Libro, a primeira das citas deste mes na provincia de Lugo

09/08/2018

Viveiro presenta a súa Feira do Libro, a primeira das citas deste mes na provincia de Lugo

Balseiro subliña que a Xunta financia as feiras do libro porque son o mellor espazo para incitar ao contacto coa literatura

O delegado territorial de Lugo participou na presentación da programación prevista en Viveiro, que este ano abre o calendario na provincia

Explicou que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria achega 120.000 euros á Federación de Libreiros de Galicia para estes eventos

Viveiro (Lugo), 9 de agosto de 2018.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, afirmou que a Xunta de Galicia financia as feira do libro “no convencemento de que as rúas son o mellor espazo para incitar ao contacto coa literatura”. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria achega 120.000 euros á Federación de Libreiros de Galicia mediante convenio para a organización destes eventos.

Balseiro participou hoxe na presentación da programación da Feira do Libro de Viveiro, que se celebrará entre os días 11 e 15 de agosto nos xardíns de Noriega Varela.

O delegado destacou que a feira inclúe actividades para todos os públicos que lle imprimen un gran dinamismo: “é moito máis que un gran mercado de libros -asegurou-, o que xa sería importante por si mesmo”.

Neste sentido, engadiu que estes espazos “favorecen o contacto directo cos autores, ofrecen espazo á música e ás outras artes, e prestan especial atención aos máis cativos incluíndo actividades infantís, porque o amor polos libros pode comezar mesmo antes de aprender a ler”.