Nova: Clausurado o I Encontro da Banda sinfónica infantil galega

19/07/2018

Clausurado o I Encontro da Banda sinfónica infantil galega

Esta actividade forma parte do VI Campus Agolada Musical 2018, que inclúe o I Encontro da Banda sinfónica infantil, o I Curso de música antiga e o XIII Festival Internacional de Percusión, Merzapercusión, e conta coa colaboración da Consellería de Cultura

Agolada (Pontevedra), 19 de xullo de 2018.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o alcalde de Agolada, Ramiro Varela Peón, clausuraron esta tarde no Auditorio municipal Manuel Costa Casares o I Encontro da Banda sinfónica infantil galega, entregándolles aos máis de cincuenta rapaces e rapazas participantes cadanseu diploma acreditativo.

Esta actividade forma parte do VI Campus Agolada musical 2018 que se celebra neste municipio pontevedrés entre o 15 de xullo e o 1 de agosto, unha iniciativa na que colaboran a Consellería de Cultura e Educación ‒a través da Secretaría Xeral de Cultura‒, o Concello de Agolada e a Federación Galega de Bandas de Música.

O conselleiro destacou “o excepcional traballo” da Federación na posta en marcha deste encontro sinfónico, subliñando a súa constante “aposta polo talento e a formación dos músicos galegos desde a mocidade”. Román Rodríguez destacou o papel do municipio agoladés e lembrou a tradición musical nas terras do Deza, “precursoras e referentes na formación musical en Galicia”.

Agolada, capital da música

Este concello do occidente pontevedrés estase a converter durante o período estival nun dos epicentros musicais de Galicia grazas ao VI Campus Agolada Musical 2018. As actividades comezaron co I Encontro da Banda sinfónica infantil, continuarán, do 22 ao 27 de xullo, coa celebración do I Curso de música antiga, e concluirán co FIP XIII Merzapercusión, que se celebrará entre o 29 de xullo e o 1 de agosto.

Esta última cita combina o FIP, o Festival Internacional de Música que se desenvolve polas noites, cunha actividade de cariz máis didáctico, o Merzapercusión, que ten lugar ao longo do día e na que van participar un total de 64 alumnos e alumnas. Entre as actuacións previstas no marco desta iniciativa figuran as de Odaiko Percussion Group e Vanesa Muela, Verónica Cagiao ou Pussat.

Comparte