Nova: A Feira do Libro de Sanxenxo anima a vila con máis de 25 actividades relacionadas coa lectura

10/07/2018

A Feira do Libro de Sanxenxo anima a vila con máis de 25 actividades relacionadas coa lectura

Durante seis días o municipio pontevedrés convértese nun escaparate para os libreiros e nun punto de encontro entre escritores e lectores

O secretario xeral de Cultura participou no acto de inauguración da feira, no que o pregón correu a cargo de Marcelino Agís
 

Sanxenxo (Pontevedra), 10 de xullo de 2018.- A Feira do Libro de Sanxenxo presenta un amplo programa de actividades, que deron comezo cun acto inaugural con pregón do filósofo e catedrático da USC Marcelino Agís. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou que “Sanxenxo é novidade no calendario das Feiras do Libro de Galicia e por iso lle desexamos todo o éxito para que se converta nunha cita da que se celebren moitas edicións”.

Durante os seis días de celebración, ata o domingo 15, terán lugar na praza dos Barcos máis de 25 actividades relacionadas coa promoción da lectura e o mundo da cultura, pensadas para público de todas as idades. Presentacións e sinaturas de libros, exposicións, concertos, charlas e coloquios, ademais de actividades infantís, encherán de vida este céntrico enclave da vila. A Serpe Edicións, Libraría Pedreira, Aenea, Libraría Cortizas, Libraría Cartabón, Arigató Ribeira, Libraría Vidal e Libraría Kathedra teñen stand nesta feira, na que a editorial Urco, ademais, ofrecerá unha exposición sobre a historia da literatura fantástica.

Pola feira pasarán escritoras como Ánxela Gracián, autora de Doce cartas a María Victoria Moreno; Miguel García Seoane, que firmará exemplares do seu libro Galicia inmaterial, Galicia máxica; ou o propio pregoeiro, Marcelino Agís, que volverá o sábado 14 a Sanxenxo para presentar o seu libro La historia de la filosofía como nunca te la habían contado.

“Sanxenxo, referente do verán galego, poderá aproveitar a presenza dos libros na rúa, os mellores embaixadores da nosa cultura”, afirmou Anxo Lorenzo durante a inauguración. O secretario xeral de Cultura lembrou a figura de María Victoria Moreno, “á que non poderemos ver, coa que non poderemos falar, pero á que honramos e lembramos co lema das Feiras do Libro deste ano: Ler sen fronteiras”.

Na inauguración estiveron tamén presentes a presidenta da Federación de Librerías de Galicia, Pilar Rodríguez e o alcalde do concello de Sanxenxo, Telmo Martín.

As citas cos libros continúan por toda Galicia

As Feiras do Libro de Galicia 2018 percorrerán ata o 25 de agosto un total de 16 concellos. Tras Sanxenxo, a cita trasladarase a Rianxo, Ponteareas, A Coruña, Viveiro, Foz e Monforte de Lemos. A Consellería de Cultura e Educación colabora con esta iniciativa coa achega, a través da Secretaría Xeral de Cultura, de 120.000 euros para o desenvolvemento desta programación.