Nova: Cultura no camiño ofrece en Pontevedra unha semana de espectáculos na rúa para público familiar

07/07/2018

Cultura no camiño ofrece en Pontevedra unha semana de espectáculos na rúa para público familiar

A praza do Teucro será o escenario de seis actuacións do 9 ao 14 de xullo como parte da programación organizada en colaboración co Concello pontevedrés e outros 102 municipios das rutas xacobeas

Ghazafelhos, Trotaventos, Culturactiva, Barafunda Teatro, Expresión Producións e Baobab Teatro son as compañías galegas que dan forma a este cartel

Pontevedra, 7 de xullo de 2018.- A sexta edición do ciclo Cultura no Camiño, promovido pola Xunta de Galicia, chega a Pontevedra cunha carteleira de seis actuacións de música, maxia e teatro para público familiar, que arranca este luns día 9 co espectáculo Bon appétit, da compañía Ghazafelhos. O de Pontevedra é un dos 103 concellos das rutas xacobeas que colaboran neste programa, organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia co patrocinio de Gadis, que desenvolverá 342 citas culturais ata finais de setembro.

A praza do Teucro será o escenario destes seis espectáculos, que terán lugar de luns a sábado, ás 19,30 h. Tras a proposta de teatro xestual con monicreques e música de Ghazafelhos, Cultura no Camiño ofrece o martes 10 o concerto do grupo Trotaventos, que ofrece en directo os temas do seu libro-disco A fiestra dos soños.

O mércores 11, Culturactiva presentará Saaabor!, unha proposta cómica para todos os públicos que mestura música, maxia, humor, mentres que a maxia chegará a Pontevedra o xoves 13 de xuño da man de Barafunda Teatro.

Por último, na fin de semana será a quenda de Expresión Producións co espectáculo teatral Limpiadores o venres 13 e de Baobab Teatro coa montaxe de monicreques Baila, Roque, Baila o sábado 14.

Produción galega

A Xunta organiza este ciclo por sexto ano consecutivo, mantendo como obxectivo enriquecer e descentralizar a oferta cultural galega, así como dinamizar a contratación dos espectáculos de teatro, música, maxia, novo circo e danza producidos en Galicia de xeito profesional.

A edición de 2018, que arrancou a mediados do pasado mes de abril, prolongarase ata o 30 de setembro, coincidindo co período de maior auxe das peregrinacións e contribuíndo tamén a intensificar o programa turístico dos concellos participantes, todos eles situados nalgunha das rutas de peregrinación polas que discorre o Camiño de Santiago en Galicia.

O calendario de actuacións está dispoñible para a súa consulta no web da Agadic, así como na sección de axenda da páxina de Cultura da Xunta de Galicia.

Comparte