Nova: O secretario xeral de Cultura visita a exposición Camiñantes no Museo das Peregrinacións

06/07/2018

O secretario xeral de Cultura visita a exposición Camiñantes no Museo das Peregrinacións

  • O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, visitou na mañá de hoxe venres a mostra Camiñantes O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, visitou na mañá de hoxe venres a mostra Camiñantes

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2018.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, visitou na mañá de hoxe venres a mostra Camiñantes. Fotografías de Tino Martínez, no Museo das Peregrinacións, acompañado do fotógrafo e da directora do museo, Esperanza Gigirey. Trátase dunha exposición temporal aberta ata o 31 de outubro e que presenta 40 fotografías en cor e branco e negro do recoñecido fotógrafo compostelán. Os retratos que forman parte do proxecto expositivo complétanse cunha reflexión escrita a man de cada un dos peregrinos fotografados, que resumen a súa experiencia no Camiño.

As imaxes son inéditas e foron realizadas para a exposición, que recolle a visión de Tino Martínez sobre o Camiño de Santiago e sobre os camiñantes que o percorren. Organízase en dúas partes, unha con imaxes dos diferentes Camiños de Santiago, nas que plasma as distintas realidades que suscitaron a súa curiosidade. A outra é unha selección de retratos de distintos peregrinos chegados á capital galega, acompañados por unha reflexión manuscrita. A mostra inaugurouse no pasado mes de xuño, dedicado ao Camiño de Santiago dentro do Ano Europeo do Patrimonio Cultural.
 

Comparte