Nova: A Ribeira Sacra postúlase como destino para o turismo deportivo

02/07/2018

A Ribeira Sacra postúlase como destino para o turismo deportivo

O delegado territorial da Xunta en Lugo participou hoxe na inauguración do torneo internacional feminino de golf que se celebra en Pantón

Balseiro destaca a marca de calidade que distingue a toda a súa oferta

Monforte de Lemos (Lugo), 2 de xullo de 2018.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou hoxe durante a inauguración do Ribeira Sacra Patrimonio da Humanidade International Ladies Open que o turismo deportivo é “unha oportunidade máis que soubo aproveitar esta zona e imprimirlle ademais a marca de calidade que distingue a toda a súa oferta”.

Balseiro explicou que a Xunta colabora no patrocinio deste torneo de golf para “impulsar unha iniciativa que contribúe á difusión internacional da Ribeira Sacra e agora tamén da súa candidatura como Patrimonio da Humanidade”. O Goberno galego achega 5.000 euros ao evento a través de Turismo de Galicia.

O delegado tamén considerou un acerto o torneo Pro-Amb que, a modo de preámbulo do propio campionato, ofrece mañá aos afeccionados deste deporte a oportunidade de medirse coas deportistas profesionais que compiten na proba, atraendo “a máis adeptos ao golf e á Ribeira Sacra”.

O campionato propiamente dito celébrase entre os días do 4 e 6 de xullo no hotel balneario Augas Santas de Pantón, e reúne a máis dun centenar de xogadoras dunha trintena de países. Hoxe celebrouse o acto inaugural na Praza da Compañía de Monforte de Lemos, coa asistencia das deportistas, representantes da organización e de administracións e entidades colaboradoras.

Comparte