Nova: As III Xornadas da Fundación Manolo Paz Arte Contemporáneo recoñecen a Manolo Moldes e Rosina Gómez Baeza

29/06/2018

As III Xornadas da Fundación Manolo Paz Arte Contemporáneo recoñecen a Manolo Moldes e Rosina Gómez Baeza

Román Rodríguez destaca o papel central da Fundación Manolo Paz na actividade cultural do Salnés

O pintor Manolo Moldes, a quen se lle dedica unha mostra conmemorativa e unha mesa redonda nas III Xornadas da Fundación Manolo Paz, e Rosina Gómez Baeza, galardoada co III Recoñecemento da FMPAC, son as figuras referenciais desta cita coa arte contemporánea

  • As III Xornadas da Fundación Manolo Paz Arte Contemporáneo recoñecen a Manolo Moldes e Rosina Gómez Baeza As III Xornadas da Fundación Manolo Paz Arte Contemporáneo recoñecen a Manolo Moldes e Rosina Gómez Baeza
  • As III Xornadas da Fundación Manolo Paz Arte Contemporáneo recoñecen a Manolo Moldes e Rosina Gómez Baeza As III Xornadas da Fundación Manolo Paz Arte Contemporáneo recoñecen a Manolo Moldes e Rosina Gómez Baeza

Cambados (Pontevedra), 29 de xuño de 2018.- O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, inaugurou esta mañá en Quintáns as III Xornadas da Fundación Manolo Paz Arte Contemporáneo (FMPAC) e destacou o papel central que xoga esta institución na difusión da arte e a actividade cultural do Salnés. No transcurso do devandito acto, que abre tres xornadas de actividades divulgativas e de lecer ao redor do feito artístico, fíxoselle entrega á xestora cultural e directora durante 20 anos de ARCO, Rosina Gómez Baeza, do III Recoñecemento da FMPAC.

Na súa intervención, o conselleiro cualificou a Gómez Baeza como “unha das grandes protagonistas da cultura española destas últimas décadas, desde un ámbito case sempre invisible para o gran público, pero vital, como é a xestión”. Rodríguez lembrou que “sen profesionais como Gómez Baeza o traballo dos artistas e creadores non chegaría ao público, ou chegaría dun modo deficiente.” E concluíu afirmando que a Fundación Manolo Paz “honra e é honrada con este recoñecemento a esta ilustre veciña asturiana.”

Así mesmo, o titular de Cultura lembrou na súa intervención que “a figura de Manolo Moldes é o eixo vertebral destas terceiras Xornadas” e agradeceu se lle tivese dedicado desta volta unha exposición do seu traballo e unha mesa redonda, “para celebrar o legado deste gran artista pontevedrés” finado o pasado mes de decembro. Moldes foi integrante de Atlántica, profesor da facultade de Belas Artes de Pontevedra e membro da Real Academia Galega de Belas Artes.

Ademais do conselleiro, participaron no acto o artista Manolo Paz, a galardoada desta edición, Rosina Gómez Baeza, o concelleiro de Cultura de Cambados, Victor Caamaño, a directora da Fundación, Julia Escudeiro, e o organizador da xornada, comisario e crítico de arte, David Barro. Tamén estiveron presentes, a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Comparte