Nova: FEST Galicia, a marca para promover a nosa comunidade como destino musical de calidade 

13/06/2018

FEST Galicia, a marca para promover a nosa comunidade como destino musical de calidade 

A Xunta crea a marca FEST Galicia para promover a nosa comunidade como destino musical de calidade 

O conselleiro de Cultura presentou hoxe esta nova iniciativa de apoio aos festivais de verán que, seguindo criterios de calidade, sustentabilidade e responsabilidade social, materializarase nun plan transversal da Administración autonómica

PortAmérica, Resurrection Fest, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal SON Estrella Galicia, 17ºRibeira Sacra, SonRías Baixas, Revenidas, Festival de la Luz e WOS Festival son os 10 encontros que se adheriron a esta convocatoria

Impulsaranse, entre outras accións, estudos de medición de impacto, un manual de boas prácticas e un selo de calidade para aqueles eventos que traballen de xeito profesional e sostible, así como a elaboración dun plan estratéxico xunto ao sector

A secretaria xeral da Igualdade colabora coa campaña AgresiónOff: Eu digo Non á violencia sexual con accións no eido da igualdade para a prevención da violencia sexual nos festivais galegos

  • O conselleiro de Cultura, na presentación de FEST Galicia O conselleiro de Cultura, na presentación de FEST Galicia
  • O conselleiro de Cultura, na presentación de FEST Galicia O conselleiro de Cultura, na presentación de FEST Galicia
  • O conselleiro de Cultura, na presentación de FEST Galicia O conselleiro de Cultura, na presentación de FEST Galicia
  • O conselleiro de Cultura, na presentación de FEST Galicia O conselleiro de Cultura, na presentación de FEST Galicia

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2018.- A Xunta pon en marcha a nova marca FEST Galicia como nova vía de apoio aos festivais de verán que busca promocionar o territorio galego como destino musical baixo criterios de calidade, sustentabilidade e responsabilidade social. Esta iniciativa bota a andar con 10 festivais de verán, adheridos tras unha convocatoria pública, que funcionan de xeito profesional e que se preocupan por achegar valores engadidos á experiencia musical tanto na súa oferta de actividades como na súa xestión e organización.

Deste xeito o expuxo hoxe o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, na presentación desta estratexia, que a Consellería impulsa a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), en estreita colaboración con outros departamentos da Administración autonómica e co propio sector musical. Xunto con el, participaron neste acto –celebrado no Parque do Lago da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela– a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e representantes dos eventos implicados nesta primeira fase de lanzamento: PortAmérica, Resurrection Fest, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal SON Estrella Galicia, 17º Ribeira Sacra, SonRías Baixas, Revenidas, Festival de la Luz e WOS Festival. O acto contou tamén coa actuación de MJ Pérez, unha das novas voces da música galega.

Román Rodríguez explicou que FEST Galicia nace como un proxecto transversal da Xunta para sumar estratexias e accións que reforcen o apoio que xa se lles está brindado aos festivais mediante a convocatoria anual de subvencións da Agadic, dotadas con 280.000 euros en 2018.

Primeiras accións estratéxicas

Neste sentido, a Axencia Galega das Industrias Culturais vén traballando desde hai meses co sector e en colaboración directa coa Asociación de Festivais de Galicia, recentemente constituída, para fixar as primeiras accións estratéxicas que se traducirán en dinámicas de traballo a medio prazo. O conselleiro destacou especialmente tres delas: a realización de estudos de impacto económico, social e mediático dos eventos; a redacción dun manual de boas prácticas asociado á posta en marcha dun selo de calidade que recoñeza aqueles festivais que cumpran criterios de excelencia, profesionalidade e sustentabilidade; e a elaboración dun plan estratéxico do sector.

Campaña AgresiónOFF: Eu digo non á violencia sexual

Pola súa banda, a secretaria xeral da Igualdade reiterou que é moi importante que nos grandes eventos, festas, festivais non se perda o respecto entre as persoas. Neste sentido, explicou que as mulleres nestes eventos sofren en maior medida abusos e agresións machistas físicas ou verbais que non se poden consentir.

No marco da campaña AgresiónOff, o obxectivo principal é que as mulleres estean seguras nestes grandes eventos e, deste xeito, implantaranse diversas medidas, entre as cales, un Decálogo contra a violencia sexual: dez cousas que tes que saber, distribución de material informativo, proxección de vídeos nos escenarios dos festivais, ademais de persoas in situ dando información e formación de como actuar ou a quen acudir en caso de agresións.

Retorno directo e indirecto

Así, FEST Galicia realizará estudos de impacto destes eventos co fin de obter datos sobre o seu retorno directo, indirecto e inducido. As medicións serán realizadas por un equipo consultor integrado por especialistas do ámbito universitario e terán como resultado un informe de avaliación, que servirá como punto de partida para traballar sobre medidas que redunden nos valores que a marca promove. Nesta primeira edición, estudaranse os impactos xerados nos festivais PortAmérica, Resurrection Fest, Sinsal SON Estrella Galicia, SonRías Baixas e Revenidas.

Esta estratexia tamén leva parello un manual de boas prácticas, que abrangue os ámbitos legal, medioambiental, laboral etc., co obxectivo de servir de guía para todos os festivais. En estreita relación con esta medida, desenvolverase a medio prazo un selo a modo de distintivo que recoñeza e lles dea visibilidade aos grandes eventos musicais galegos organizados con criterios de calidade, sustentabilidade e responsabilidade.

A posta en marcha de FEST Galicia implicará, asemade, a elaboración dun plan estratéxico para este importante sector musical, de novo en colaboración directa cos seus representantes.

Alianzas de futuro

O conselleiro adiantou, así mesmo, que se traballará no establecemento de alianzas con outras entidades encamiñadas a dinamizar a proxección exterior do noso sector musical. A finalidade será a busca de intercambios de espazos de programación para que os grupos e artistas galegos teñan plataformas de seu en festivais doutros territorios.

FEST Galicia vai ser promovida dentro e fóra de Galicia a través dun plan de comunicación que contempla accións a curto, medio e longo prazo, como a realización de presentacións conxuntas baixo este paraugas. Nunha primeira fase, a que corresponde á presente temporada de festivais de verán 2018, a marca terá presenza en todos os eventos adheridos a través dun espazo propio de difusión e sensibilización, así como de campañas, accións e liñas de traballo en diferentes ámbitos, adaptadas especificamente a cada un destes encontros musicais e coa colaboración directa doutros departamentos da Xunta, como a Consellería de Medio Ambiente, a Secretaria Xeral da Igualdade, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, Turismo de Galicia ou a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.