Nova: Persoal de bibliotecas, investigadores e xornalistas analizan o papel da prensa histórica como fonte documental
08/06/2018
Persoal de bibliotecas, investigadores e xornalistas analizan o papel da prensa histórica como fonte documental
A xornada técnica Prensa histórica e xeración de coñecemento: do papel ao dixital reúne hoxe na Biblioteca de Galicia preto dun cento de persoas
O profesor da USC Xosé Luís Barreiro Rivas pronunciou a conferencia inaugural nun encontro promovido pola Secretaría Xeral de Cultura
Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2018.- Prensa histórica e xeración de coñecemento: do papel ao dixital é o título da xornada que se celebrou hoxe, venres, na Biblioteca de Galicia, organizada pola Consellería de Cultura e Educación a través da Secretaría Xeral de Cultura. O profesor da Universidade de Santiago de Compostela Xosé Luís Barreiro Rivas estivo a cargo da conferencia inaugural, nun encontro que conta con destacados relatores do mundo do xornalismo e a universidade e no que participan preto dun cento de profesionais de bibliotecas e investigadores.
A xornada analizou o uso da prensa histórica como fonte de investigación e as novas tecnoloxías como ferramenta para preservala. “En Galicia temos xornais diarios e cabeceiras locais e comarcais que se publican desde hai máis de 100 anos. As súas hemerotecas son, sen dúbida, un tesouro que hai que conservar”, destacou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante o acto de inauguración.
“Os xornais diarios, a prensa comarcal e a súa supervivencia contra toda prognóstico, casos prácticos do uso das hemerotecas en traballos de investigación, tanto en humanidades como en ciencias, ou os fondos das publicacións periódicas de bibliotecas como esta Biblioteca de Galicia, a Biblioteca de Cataluña ou a Biblioteca Nacional de España”, explicou Anxo Lorenzo, “permiten facer un repaso heteroxéneo e moi completo pola prensa histórica como fonte documental”.
Novas tecnoloxías, hemerotecas e investigación
O director xeral do Grupo El Progreso, o xornalista e escritor José de Cora; a redactora xefa de organización de La Voz de Galicia, Sofía Vázquez, e o seu responsable de sistemas, tecnoloxía e redes, Miguel Silva, abordaron a importancia da dixitalización das hemerotecas dos seus medios.
Pola súa banda, o catedrático da USC e xornalista Xosé López, a decana da Facultade de Humanidades do campus de Lugo, María Isabel González Rey, e o presidente da Asociación de Pedagogos de Galicia, José Manuel Suárez Sandomingo, analizaron polo miúdo a prensa local e comarcal galega. O doutor en historia e escritor Miguel Anxo Seixas e o doutor en ciencias físicas Juan Añel encargáronse de explicar a utilización da prensa histórica como fonte de información para a investigación.
A obra Historia de la prensa en Galicia, considerada un repertorio bibliográfico de referencia da prensa histórica en Galicia desde o século XIX foi analizada por Helena Verdía e Noelia Bascuas, do equipo técnico de Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia. Sobre a colección hemerográfica desta institución falou o xefe do servizo da Biblioteca de Galicia, Daniel Buján, mentres que as súas colegas, Lola Rodríguez Fuentes, da Biblioteca Nacional de España, e Paquita Navarro, da Biblioteca de Catalunya, falaron dos fondos de publicacións periódicas que se atopan nos arquivos das súas entidades.
A hemeroteca dixital da Biblioteca de Galicia
A hemeroteca dixital de Galiciana-Biblioteca de Galicia conta con 478 títulos de publicacións periódicas, dos que están dixitalizados 198.459 números, o que suma un total de 1.198.027 páxinas de prensa histórica galega, que abarcan desde o ano 1809 ata o 1995.
Durante o pasado ano 2017, dixitalizáronse 10.700 números e 73.000 imaxes de diversos medios de comunicación. Ademais redixitalizáronse cabeceiras para mellorar a calidade doutras 69.723 imaxes.