Nova: Conecta Fiction Fest amósalle ao público galego o mundo das series desde dentro

06/06/2018
Conecta Fiction Fest amósalle ao público galego o mundo das series desde dentro
Conecta Fiction contará con proxeccións, talleres e unha exposición
Celebrarase en Santiago os días 21 e 22 de xuño no marco do encontro internacional de coprodución de ficción televisiva Conecta FICTION, coa Xunta de Galicia como principal promotora
Esta primeira edición do festival dedícase en exclusiva á produción de Movistar+, coa presenza de intérpretes como Aura Garrido, Javier Rey e Marta Hazas, os directores Mariano Barroso e Mar Coll e a produtora Teresa Fernández-Valdés
Maratóns e pases de series, presentacións cos equipos, unha preestrea, dous obradoiros e unha mostra arredor de Velvet Colección danlle forma a este programa de acceso gratuíto
Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2018.- Conecta FICTION, encontro internacional dedicado á coprodución de series de televisión, abrirase ao público galego a través do seu festival de series, que terá lugar en Santiago de Compostela os días 21 e 22 de xuño como unha das principais novidades na programación deste ano. Ao igual que o evento que o acolle, Conecta FICTION FEST conta coa Xunta de Galicia como principal promotora, neste caso xunto á Fundación SGAE e en colaboración con Movistar+.
Proxeccións e maratóns de series, presentacións cos equipos e protagonistas das producións, dous obradoiros e a exposición Velvet Colección danlle forma ao programa do festival, que nesta primeira edición se dedicará en exclusiva a títulos de Movistar+. O Auditorio Abanca e o Teatro Principal acollerán todas estas actividades, de entrada gratuíta previo rexistro a través do web conectafictionfest.com.
Os proxectos que se poderán ver en Conecta FICTION FEST son El día de mañana, de Mariano Barroso; Félix, dirixida por Cesc Gay; La Zona, de Jorge Sánchez-Cabezudo; Matar al padre, de Mar Coll; Mira lo que has hecho, dirixida Carlos Therón; e Vergüenza, de Juan Cavestany e Álvaro Fernández Armero.
Preestrea
Ata Santiago de Compostela desprazaranse parte dos equipos dalgunhas destas series, como é o caso da actriz Aura Garrido e do realizador Mariano Barroso, que presentarán a preestrea dos episodios 1 e 2 de El día de mañana, unha das novas apostas de produción propia de Movistar+.
Tamén se contará coa directora Mar Coll para o pase do primeiro episodio de Matar al padre e cos actores Javier Rey e Marta Hazas mais a produtora Teresa Fernández Valdés, de Bambú Producciones, para o pase dedicado a Velvet Colección. Este título será, ademais, o eixo da exposición que poderá visitarse no Teatro Principal os días do festival, de 18,00 a 22,00 h., e na que se amosarán pezas de vestiario que reflicten o glamour da época e estilo das Galerías Velvet.
Tamén estarán abertos ao público os dous talleres de Conecta FICTION FEST: Transmedia nas series de Movistar+, centrado nos casos de La peste e La zona, que impartirán Roger Casas-Alatriste, de El Cañonazo Transmedia, e Juanjo Mestre, de Fluor; e Os efectos especiais de La Peste, con Iván Benjumea, director técnico de Atípica Films, e José M. G. Moyano, director de postprodución da serie.
Conecta FICTION 2
Este festival enmárcase na segunda edición de Conecta FICTION, que volverá converter Santiago en punto de encontro da industria televisiva de Europa e América. Catrocentos profesionais de 17 países, entre os que se atopan os representantes de 35 canles internacionais, asistirán a este evento de coprodución centrado na ficción para televisión.
O evento dará comezo o luns 18, ás 19,30 h., cunha gala inaugural no Auditorio Abanca e estenderá o seu programa profesional ata o día 21 na Cidade da Cultura de Galicia con sesións de pitching, paneis, casos de estudo, master class, networking e reunións personalizadas.