Nova: Xornadas de portas abertas, visitas teatralizadas, mostras e obradoiros para celebrar o Día Internacional dos Arquivos

05/06/2018

Xornadas de portas abertas, visitas teatralizadas, mostras e obradoiros para celebrar o Día Internacional dos Arquivos

Os arquivos de xestión autonómica ofrecen actividades destinadas a poñer en valor o seu papel, baixo o lema Arquivos: gobernanza, memoria e patrimonio

A programación de cada un dos centros está dispoñible en cultura.gal e na app Axenda de Cultura de Galicia

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2018.- O 9 de xuño é o Día Internacional dos Arquivos e os arquivos de xestión autonómica celebran esta efeméride con xornadas de portas abertas, visitas teatralizadas, mostras e obradoiros que queren contribuír a compartir o seu traballo diario e a darlle maior difusión ao patrimonio que custodian. Esta xornada, auspiciada polo Consello Internacional de Arquivos (ICA nas súas siglas en inglés), instaurouse no 2008 e dedícase a dar a coñecer o papel destas institucións na sociedade. O lema deste ano é Arquivos: gobernanza, memoria e patrimonio.

O Arquivo de Galicia inaugura o día 8 unha mostra baixo ese mesmo lema para mostrar documentos que custodia e que reflicten diferentes accións de goberno nos ámbitos da educación, o desenvolvemento económico, a saúde pública ou a participación cidadá, entre outros. Todos forman parte do patrimonio documental galego e da memoria da sociedade. O mesmo venres 8 haberá xornada de portas abertas e visitas guiadas ás exposicións que alberga o arquivo, Santiago. Protección e transformación e Arquivos: gobernanza, memoria e patrimonio. As visitas guiadas prolongaranse ata o 15 de xuño, en horario de mañá, con inscrición previa.

O Arquivo do Reino de Galicia ofrece distintos obradoiros, como o de encadernación belga, que divide en dúas xornadas, ou o de paleografía, ademais do de conservación de fotografía que o fotógrafo luso Luis Pavão imparte, acompañado dunha conferencia. Tamén se poderán facer visitas guiadas ao arquivo o mércores ás 18:00 horas e o venres ás 12:30 horas. Para todas as actividades é imprescindible inscrición previa. Desde o venres estará dispoñible a exposición virtual O urbanismo a través dos arquivos, que analiza os procesos de construción, destrución e memoria inherentes á propia natureza dos arquivos.

Ourense, Pontevedra e Lugo

O Arquivo Histórico Provincial de Ourense ofrece durante a semana visitas pedagóxicas teatralizadas aos centros educativos da cidade. Baixo o título O segredo dos franciscanos, trata de amosar o vínculo do patrimonio documental franciscano co patrimonio inmoble da cidade relacionado coa orde relixiosa, como a catedral ou o convento de San Francisco. O alumnado dos centros terá que resolver unha serie de probas e retos para acadar a solución ao misterio proposto. Ademais, o público xeral terá a oportunidade de participar nunha visita teatralizada na que se falará da historia das mulleres en Ourense, con referencia á violencia de xénero, á muller na cultura xudía ou á figura da intelectual. Será o día 7, ás 18:00 horas e é precisa inscrición previa.

O Arquivo Histórico Provincial de Lugo celebra este día coa divulgación dun folleto que explica un novo elemento da serie Documentos singulares, nesta ocasión centrada nunha escritura de poder para cobrar unha presa capturada nunha campaña de corso. Para abundar nesta temática celébrase tamén unha charla divulgativa sobre o corso na costa cantábrica, baixo o título Corso, ingleses e pestes na Mariña Cantábrica, impartida polo investigador do Arquivo José María Leal. Será o venres 8, ás 19:00 horas, e a entrada é libre ata completar a capacidade da sala.

Pola súa banda, o Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra ten xornadas de portas abertas o xoves 7 e o venres 8, con visita guiadas e mostra de documentos, ás 12:00 horas. Ademais, o venres, a partir das 19:00 horas celebrarase a conferencia A testamentaría das irmáns Mendoza Babiano, impartida por Ernesto Vázquez-Rey e acompañada dunha mostra de documentos sobre o tema. A velada pecharase cunha actuación musical a cargo da acordeonista Nerea Rodríguez e a violoncellista Alba Reirís.

Esta programación especial con motivo do Día Internacional dos Arquivos pode consultarse na páxina web www.cultura.gal ou a través da app Axenda de Cultura de Galicia.