Nova: Manuel Moldes, figura clave para comprender e explicar a arte feita en Galicia

15/05/2018

Manuel Moldes, figura clave para comprender e explicar a arte feita en Galicia

Román Rodríguez destaca a importancia de Manuel Moldes para comprender e explicar a arte feita en Galicia

O conselleiro de Cultura participou esta tarde no acto de homenaxe que lle brindou o CGAC ao artista, de quen destacou a súa dobre vertente, como creador e docente de varias xeracións de artistas galegos

  • Vigo traballa, obra de Manuel Moldes da colección Abanca Vigo traballa, obra de Manuel Moldes da colección Abanca

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2018.- O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, participou esta tarde no CGAC nun acto de homenaxe ao artista pontevedrés Manuel Moldes, integrante fundacional do grupo Atlántica e membro da Real Academia Galega de Belas Artes. Román Rodríguez cualificou a Moldes como “unha peza clave para poder comprender e explicar a arte feita en Galicia durante as últimas décadas.” No acto tomaron parte o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e Carmen Díaz Cacheda, viúva do pintor Manuel Rodríguez Moldes.

O conselleiro destacou a súa dobre faceta, como creador e mestre de varias xeracións de artistas galegos na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, reflexionando sobre o seu papel “como impulsor de vocacións artísticas.” “O pasamento de Moldes ‒explicou Rodríguez‒ fíxonos reparar sobre a grandeza e influencia da súa creación plástica, pero tamén sobre a fonda e permanente pegada que deixou sobre os seus alumnos.”

Na súa intervención, o titular de Cultura lembrou á pintora viguesa, recentemente finada, Berta Cáccamo. “Hai ano e medio ‒afirmou o conselleiro‒ celebrábamos aquí mesmo unha mostra desta artista. Unha exposición que pretendía, en palabras do seu comisario, David Barro, ser algo máis que unha retrospectiva, que quería reflexar un proxecto en expansión. Hoxe quédanos a súa obra, o seu xenial legado.” Cáccamo fora distinguida o pasado 2017 co Premio Cultura Galega das Artes Plásticas.

Logo da presentación do conselleiro, o acto de homenaxe continuou cunha mesa redonda moderada polo director do CGAC, Santiago Olmo, na que participaron Ángel Cerviño, Alberto González-Alegre e Miguel Fernández-Cid. Os dous primeiros foron os comisarios da última exposición de Manuel Moldes, Pontevedra Suite. Pola súa banda, Miguel Fernández-Cid, comisariou a mostra retrospectiva que se lle dedicou a Moldes no CGAC cando el era o director do mesmo, no ano 2003.