Nova: A filmoteca galega conmemora os 50 anos do maio do 68 cun ciclo especial

01/05/2018

A filmoteca galega conmemora os 50 anos do maio do 68 cun ciclo especial

O maio do 68 centra a nova programación bimestral do CGAI a través dun ciclo de nove películas e retrospectivas de Philippe Garrel e João Moreira Salles

O cine e os festivais galegos serán tamén protagonistas neste bimestre coa proxección dos gañadores dos premios Mestre Mateo e máis a celebración da mostra (S8) e sesións do Play-Doc

 

A Coruña, 1 de maio de 2018.- O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia pecha esta temporada con diversos ciclos que rememoran o maio do 68 no seu quincuaxésimo aniversario. O programa central desta efeméride consta de nove títulos que repasan os sucesos acontecidos en París, mentres que as retrospectivas do galo Philippe Garrel e do brasileiro João Moreira Salles permiten recuperar varios filmes nos que deixaron plasmada a súa visión das históricas protestas estudantís.

Dous documentais esenciais para comprender estes feitos e a pegada que deixaron na esquerda en Francia son Morrer aos trinta anos, de Romain Goupil, e O fondo do aire é vermello, de Chris Marker. Mentres que o primeiro parte da militancia e de filmacións en súper 8 propias da adolescencia do autor, Marker toma imaxes de arquivo ao longo da década que seguiu ao 68 e analiza os efectos e derivas da protesta no eido político galo. Un terceiro documental no ciclo é o traballo colectivo Usines universités union.

A pegada de Godard nos militantes da esquerda

Outro cineasta que tamén estivo nas protestas foi Jean-Luc Godard, quen un ano antes filmara La chinoise, comedia sobre un grupo de estudantes maoístas que dalgún xeito anticipaba o que estaba por vir. Na rodaxe desta fita, Godard coñeceu a actriz Anne Wiazemsky. Recentemente, o gañador dun Oscar por The Artist, Michel Hazanavicius, fixo un biopic sobre o autor nesta época, Mal xenio, centrado nesta relación. As dúas películas pásanse en tándem no ciclo do CGAI.

Foi tamén Godard protagonista, xunto con François Truffaut e outros membros da Nouvelle Vague, do boicot que se lle fixo ao festival de Cannes en 1968 en solidariedade coas protestas estudantís de París. O pase no que irromperon para parar a celebración do certame foi o de Peppermint Frappé, de Carlos Saura, quen se uniu á folga cinéfila. Aínda que tematicamente non trata das protestas, o filme inclúese tamén no programa polo seu simbolismo.

Bertolucci e Garrel, dúas visións enfrontadas

Completan os pases outras ficcións como Milou en maio, de Louis Malle; Despois de maio, de Olivier Assayas; e Soñadores, de Bernardo Bertolucci. Esta fita erótica descubriu a Eva Green e Louis Garrel, quen dous anos máis tarde protagonizaría ás ordes do seu pai Philippe Os amantes habituais, a que din foi a resposta do galo ao exitoso filme do italiano, e que fala máis do mito do 68 que da súa realidade, na opinión xeneralizada da crítica. Garrel foi un testemuño directo dese mes de maio, pois filmouno na súa curta Actua I, financiada precisamente por Godard para apoiar os estudantes e crear unha sorte de noticiario que contrarrestase a propaganda gaullista. Durante anos, estas bobinas estiveron perdidas e só se recuperaron recentemente. O CGAI pasa estas dúas películas de Garrel, xunto con outras como A cicatriz interior ou Les hautes solitudes, nunha retrospectiva que discorrerá ao longo dos meses de maio e xuño.

Pero o que supuxo o maio do 68 non se fixo notar só en Francia, cruzou fronteiras a nivel internacional, con movementos similares en moitos países. Esta influencia é a que analiza a través de imaxes de arquivo João Moreira Salles en No Intenso Agora. O festival Documenta Madrid ofrece este ano unha retrospectiva da súa obra, que inclúe tamén películas como o retrato do expresidente Lula, Entreatos, que se proxecta no CGAI a mediados de maio.

Apoio ao cine e festivais de Galicia

Non esquece a filmoteca o cine propio e dos certames galegos. Así, entre o 15 e o 18 de maio acollerá os filmes gañadores dos premios Mestre Mateo, ademais de ofrecer Reivindicando a María Victoria Moreno para conmemorar o Día das Letras Galegas. A lingua das bolboretas, de José Luis Cuerda, presentada pola cantante Guadi Galego na sección Pensando en cine/Pensando en Galicia; o documental Vigo 1972, de Roi Cagiao, sobre esa folga xeral na cidade olívica; ou algunhas das últimas pezas de María Ruído, son outros dos filmes galegos que se pasarán no CGAI nas próximas semanas.

A filmoteca será un ano máis unha das sedes do (S8) Mostra de Cinema Periférico, ademais de proxectar algunhas das fitas dos cineastas Peter Emanuel Goldman e Ozualdo Candeias, que tiveron antes no seu paso polo Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui.

A programación do CGAI complétase co remate do ciclo dedicado a Adam Curtis, a proxección de máis títulos de Ingmar Bergman, a quen se lle rende homenaxe ao longo do ano polo centenario do seu nacemento; as estreas de autores referenciais, como Jean-Marie Straub con Gens du Lac e Nathaniel Dorsky con Arboretum Cycle, e mais unha das sensacións do BAFICI arxentino, La película infinita. Tamén se inclúe a tradicional sesión dedicada a Stan Brakhage, e as recuperacións de clásicos como Being Gypsy, de Peter Nestler, ou 2001: unha odisea do espazo, de Stanley Kubrick.

Os pases e horarios concretos poden consultarse no web www.cgai.gal.

 

Comparte