Nova: O 70% dos visitantes das Feiras do Libro de Galicia merca algún exemplar

28/04/2018
O 70% dos visitantes das Feiras do Libro de Galicia merca algún exemplar
A Consellería de Cultura e Educación destaca, con motivo da inauguración da Feira do Libro de Santiago, que Galicia ten a rede de librarías máis densa de España
Santiago de Compostela, 28 de abril de 2018.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participaron esta mañá na inauguración da XXXVII Feira do Libro de Santiago de Compostela. Con este motivo, o departamento da Xunta de Galicia destaca que os galegos compran de media 10 libros ao ano, o que sitúa a comunidade por riba da ratio de España. Ademais, Galicia ten a rede de librarías máis densa de España e a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia supera xa os 900.000 usuarios, un 7,6% máis con respecto ao exercicio anterior.
Cultura e Educación recorda a excelente oportunidade que ofrecen as Feiras do Libro de Galicia tanto para potenciar as industrias culturais como para fomentar o hábito lector entre a cidadanía. De feito, o ano pasado estes eventos recibiron a visita de case medio millón de persoas, das que o 70% mercou libros e o 53% son clientes habituais das librarías participantes.
No acto, que tivo lugar no Paseo da Alameda, tamén participaron a presidenta da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois; e a pregoeira, a escritora Rosa Aneiros.
A Feira do Libro de Santiago de Compostela é unha cita anual que se converte en referente, tanto pola súa duración, nove días (ata o domingo 6 de maio), como pola cantidade de actividades que se organizan ao seu redor, máis de 40. Alvarellos Editora, Editorial Galaxia, Libraría Pedreira, Arigató Ribeira, Aenea, Ler Librerías, Urco Editora, Libraría Cortizas, a Deputación da Coruña e a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal teñen presenza no recinto, a terceira convocatoria do calendario das Feiras do Libro de Galicia 2018.