Nova: A Cidade da Cultura premia as mellores fotografías creativas sobre emprendemento no marco do CreaGaiás

13/04/2018

A Cidade da Cultura premia as mellores fotografías creativas sobre emprendemento no marco do CreaGaiás

Promovida polo Centro de Emprendemento do Gaiás, a iniciativa busca apoiar, formar e pór en valor profesionais e emprendedores do sector cultural e creativo

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, aplaudiu o nacemento de iniciativas como CreaGaiás “coa que pretendemos potenciar o emprendemento, sobre todo desde o ámbito da creatividade”

Anualmente, a Cidade da Cultura ofrece un amplo programa de actividades dirixidas tanto a estimular o talento e crear cultura emprendedora en Galicia como a apoiar de xeito directo proxectos emprendedores innovadores do sector cultural

 

  • Unha das imaxes premiadas

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2018.- A xornada lúdico-formativa CreaGaiás reuniu este venres no Centro de Emprendemento a emprendedores e profesionais das industrias creativas e culturais nun programa que incluíu obradoiros, charlas, espazo para o networking e un mercado creativo no que o público asistente puido coñecer as empresas residentes no coworking da Cidade da Cultura. No marco da xornada entregáronse tamén os galardóns das dúas modalidades do certame de fotografía enmarcado en CreaGaiás para premiar as mellores imaxes creativas relacionadas coa temática do emprendemento.

A entrega de galardóns contou coa participación do secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, que aplaudiu o nacemento de iniciativas como CreaGaiás “coa que se pretende potenciar o emprendemento, sobre todo desde o ámbito da creatividade”, explicou.

“Queremos facelo desde a experiencia dos que xa están nisto, para que lles sirva de referencia aos que queren buscar o seu oco”, sinalou Lorenzo, destacando o valor que supón para todas as persoas emprendedoras contar, ademais de con formación e ferramentas axeitadas, con referentes e casos de éxito nos que fixarse. “Este é o obxectivo co que nace CreaGaiás, co que ve a luz esta primeira edición dunha iniciativa que, agardamos, vai ter un percorrido moi longo, pola súa utilidade e o seu interese”, remarcou.

No certame foi premiado o artista plástico-visual e estudante de fotografía Gery Alejandro Pérez, polo seu diario en sete imaxes no que retratou dun xeito creativo a semana da empresa ParipePop, residente no coworking do Gaiás. A súa reportaxe foi galardoada cun premio dotado con 1.200€. Na outra modalidade do certame, desenvolvida a través da rede social Instagram foi premiada con 300€ unha fotografía da emprendedora Nuria Díaz. Das case 350 fotografías presentadas a concurso, os gañadores foron elixidos por un xurado composto por profesionais da fotografía e representantes da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, da Cidade da Cultura e da empresa de xestión cultural Correveydile.

O emprendemento na Cidade da Cultura

CreaGaiás súmase con esta primeira edición á programación da Cidade da Cultura en torno ao emprendemento no eido das industrias culturais, campo que, xunto coa tecnoloxía e a cultura, é un dos tres eixes nos que opera o Gaiás, cun Centro de Emprendemento que ata o momento ten apoiado máis de 350 proxectos innovadores. Este centro ofrece un espazo de coworking, un viveiro de empresas, ademais dunha área tecnolóxica na que compañías punteiras, como Vodafone, desenvolven proxectos de apoio a start-up galegas. O CEM ofrece un programa de titoría e acompañamento na posta en marcha de modelos de negocio, maduración de ideas empresariais, asesoría financeira, networking e showrooms.

Máis aló dos recursos dirixidos aos emprendedores con sede na Cidade da Cultura, o Gaiás desenvolve unha ampla programación anual que ten por obxecto estimular o talento e crear cultura emprendedora en Galicia, xa sexa a través de accións formativas ou eventos, como os Premios Gaiás Sixto Seco, que nos vindeiros meses convocarán a súa sexta edición para recoñecer e apoiar os mellores proxectos do ámbito cultural.

O Gaiás acollerá tamén este ano unha nova edición das xornadas de innovación educativa inquEDU, así como a Maker Faire Galicia, a maior feira de inventores do mundo, que o ano pasado na súa primeira edición congregou a máis de 10.000 visitantes. No que vai de ano, máis de 650 persoas participaron nas distintas accións formativas e eventos do CEM, citas como Atlantic Emprende + Gaiás, encontros destinados a emprendedores, profesionais, estudantes e empresas do sector musical que reuniron no complexo a uns 300 asistentes.

Eventos como as charlas TEDxGalicia ou o Spin2016, o maior evento de emprendemento universitario de América Latina, que chegou a congregar na Cidade da Cultura a máis de 3.500 persoas procedentes de universidades de España, Portugal e América Latina, son outros dos eventos que ten promovido o Centro de Emprendemento do Gaiás desde a súa posta en marcha en 2012.

Formación, charlas, networking e música

Esta primeira edición de CreaGaiás quixo poñer o acento na importancia da marca e a imaxe persoal no ámbito cultural e creativo, e en como xestionala de forma eficaz a través das redes sociais. Para iso, as persoas asistentes puideron participar nun obradoiro sobre imaxe na contorna dixital, impartido polo formador e especialista en redes sociais Iván L. Gimeno; e tamén en conversas abertas con emprendedores, fotógrafos, e cos integrantes do grupo Tulsa, Miren Iza e Jose Luis Martín-Serrano, moderado polo xornalista Tito Lesende.

Pechou a xornada un concerto acústico no que, a partir das 19.30 horas, o dúo interpretou temas do novo disco de Tulsa, Centauros, así como outros míticos da carreira de Miren Iza como compositora e vocalista. A cantante, nacida en Guipúscoa, é letrista e voz de Tulsa, con quen foi nominada aos Grammy Latinos de 2007 como artista revelación e aos MTV European Music Awards como mellor artista emerxente.

CREAGAIÁS é un proxecto organizado pola empresa de xestión cultural Correveydile co apoio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e coa colaboración da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, e coas empresas Daveiga e Vermut Lodeiros.