Nova: Yajaira Miquileno mostra en Vigo as súas Terapias visuais

13/04/2018

Yajaira Miquileno mostra en Vigo as súas Terapias visuais

A sala de exposicións da Delegación da Xunta en Vigo acolle Terapias visuais da artista venezolana Yajaira Miquileno 

A mostra, que se desenvolverá ata o vindeiro 11 de maio, está composta por 15 pinturas en pastel, acrílico e acuarela

Vigo, 13 de abril de 2017.- A planta baixa da Delegación Territorial da Xunta en Vigo acolle ata o vindeiro 11 de maio a exposición de pintura Terapias visuais da artista venezolana Yajaira Miquileno Urbina.

A mostra está composta por 15 pinturas coas que a artista procura xerar no espectador un espazo de sensacións viaxando no seu interior. “Sons de cor a través do temperamento”, apunta Yajaira Miquileno, en cuxa obra predomina a utilización de acrílicos, pastel e acuarela.

Esta exposición súmase así ás múltiples mostras de artistas e colectivos que xa se realizaron na planta baixa do edificio administrativo do Goberno galego, así coma aos cursos e xornadas que se desenvolven no salón de actos ou a organización de actividades culturais e mesas solidarias coma as de DOA ou a AECC, entre outras. Sempre co obxectivo de abrir o edificio administrativo á participación dos cidadáns.

Cómpre lembrar ademais que as instalacións da Delegación Territorial –o salón de actos e a zona de exposicións- están dispoñibles para que todos os colectivos e asociacións parroquiais da cidade acheguen as súas actividades culturais e sociais aos cidadáns, co obxectivo de que transcendan máis aló do seu propio ámbito parroquial e todos os vigueses e viguesas poidan coñecelas.

Sobre Yajaira Miquileno

Natural de Venezuela é licenciada en Arte na especialidade de promoción Cultural, exercendo durante anos a docencia no seu país natal e conta con distintos estudos e cursos de postgrao. Na actualidade cursa Psicoloxía.