Nova: Cidade imaxinaria primavera, unha xornada lúdica e familiar para festexar o Día Internacional do Circo

03/04/2018
Cidade imaxinaria primavera, unha xornada lúdica e familiar para festexar o Día Internacional do Circo
Trátase dunha xornada familiar gratuíta, e ao aire libre, que encherá a Cidade da Cultura de maxia e diversión con espectáculos, música e xogos
Grandes e pequenos gozarán de catro horas ininterrompidas de actividades con zonas para o descanso e postos de petiscos e larpeiradas para a merenda
Haberá un reforzo do servizo de bus urbano que conecta co centro de Santiago e mantense a cita tradicional de agosto de Cidade Imaxinaria
Santiago de Compostela, 3 de abril de 2018.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida as familias a vir gozar o sábado 21 de abril ao Gaiás de Cidade Imaxinaria, a tradicional xornada lúdica familiar que desde hai oito anos se celebra todos os agostos na Cidade da Cultura e que, este ano, se festexa por partida dobre tamén en primavera para dar a benvida a esta estación.
Cidade Imaxinaria Primavera trátase dunha xornada familiar, ao aire libre e de balde, que recolle o espírito de diversión e festa da cita tradicional do verán con catro horas ininterrompidas de espectáculos, música e xogos, nos que mergullarse na ilusión e fantasía circenses, a quen se homenaxea xa que esta programación celébrase no Día Internacional do Circo.
Malabaristas, trapecistas, equilibristas, saltimbanquis e clowns conquistarán todos os recunchos da Praza Central da Cidade da Cultura, compartindo espazo e programación con músicas, danzas, xogos, teatro e fabulosas historias en formato de contacontos ou de representacións con monicreques.
Xogos e espectáculos de circo, maxia e danza
Espectáculos de novo circo, clowns e maxia cos que grandes e pequenos poderán gozar dunha tarde en familia na Cidade da Cultura, e que se verá completada por divertidas actuacións itinerantes, entre as que se atopan concertos á carta en bicicleta e enxeñosas e virtuosas coreografías de danza en xigantescos zancos.
A Praza Central do Gaiás fará tamén un oco para que se instale unha autocaravana, que abrirá as súas portas á cativada para viaxar, a través de cancións, contacontos, marionetas e moitas risas, por relatos a prol da igualdade e que procuran, arrincando moitos sorrisos, rachar cos estereotipos sexistas.
A programación ininterrompida de catro horas de Cidade Imaxinaria Primavera tamén permitirá que nenos e nenas participen e se marabillen xuntos coas súas familias en imaxinativas propostas como treboadas de confeti de cores dentro de burbullas xigantes. Espectáculos de diversión innovadores que se dan a man, nun mesmo espazo, con xogos tradicionais como os de Hélder, simples trebellos de corda e madeira que ao longo do tempo atrapan e cativan o todos os que os proban, independentemente da idade.
Cidade Imaxinaria Primavera contará, ao igual que na cita tradicional do verán, con zonas de lecer para tomarse un descanso ou repor enerxías con postos de petiscos e larpeiradas e con reforzo no servizo de buses que se suman ás habituais Liñas 9 e 11, que conectan o Gaiás co centro de Compostela para facilitar que as familias se acheguen a esta xornada festeira.