Nova: O Festival Internacional Kerouac fala galego en Nova York do 3 ao 8 de abril

28/03/2018

O Festival Internacional Kerouac fala galego en Nova York do 3 ao 8 de abril

O secretario xeral de Política Lingüística presentou hoxe a participación de Galicia neste evento que  se celebrará do 3 ao 8 de abril co apoio da Consellería de Cultura

  • Cartel do Festival Internacional Kerouac Nova York Cartel do Festival Internacional Kerouac Nova York
  • O Festival Internacional é un evento que, desde hai sete anos, cada mes de outubro ten lugar en Galicia, na cidade de Vigo e, desde hai tres, en Nova York, cada mes de abril O Festival Internacional é un evento que, desde hai sete anos, cada mes de outubro ten lugar en Galicia, na cidade de Vigo e, desde hai tres, en Nova York, cada mes de abril
  • O Festival Internacional é un evento que, desde hai sete anos, cada mes de outubro ten lugar en Galicia, na cidade de Vigo e, desde hai tres, en Nova York, cada mes de abril O Festival Internacional é un evento que, desde hai sete anos, cada mes de outubro ten lugar en Galicia, na cidade de Vigo e, desde hai tres, en Nova York, cada mes de abril

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2018.- O Festival Internacional Kerouac Nova York falará galego na terceira edición que se desenvolverá do 3 ao 8 de abril e que consolidará este evento no que a poesía toma as rúas para mesturarse con outras artes, nomeadamente coa música e coa performance, nunha exposición dinámica e moderna da expresión poética. E farao co apoio da Consellería de Cultura, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, tal e como anunciaron hoxe en rolda de prensa o secretario xeral, Valentín García, e un dos responsables do festival, Malvares de Moscoso.

“O Festival Kerouac de Vigo chega por terceira vez a Nova York e, da súa man, fano a lingua e a cultura galegas para visibilizarse e proxectarse internacionalmente neste evento que se dá cita arredor da palabra e da poesía, da música, da pintura, da performance ou do teatro”, destacou García Gómez.

Representación galega

A representación galega na III edición do Festival Internacional Kerouac NYC correrá a cargo de Francisco Castro, Sheila Blanco, Marta López, Marcos de la Fuente e Vanesa Álvarez (os dous últimos, responsables da empresa organizadora, Culture Lovers S.L.).

Aínda que as seis citas que configuran o cartel do festival ao longo de seis días inclúen presenza galega, Galicia terá un protagonismo especial no encontro previsto para o sábado 7 de abril na Casa de Galicia de Nova York, no que participarán exclusivamente catro galegos: Francisco Castro, Sheila Blanco, Marta López e Marcos de la Fuente. Toda a información na seguinte ligazón.

O latexo poético do século XXI

O Festival Internacional é un evento que, desde hai sete anos, cada mes de outubro ten lugar en Galicia, na cidade de Vigo e, desde hai tres, en Nova York, cada mes de abril. A súa inspiración é a Xeración Beat e a súa finalidade a de levar a poesía ás rúas e mesturala con outras artes, nomeadamente coa música e coa performance, nunha exposición dinámica e moderna da expresión poética.

Nesta súa terceira edición amplíanse a seis os espazos e sedes na Gran Mazá, no que será o ano da definitiva consolidación do Festival en EUA, cos obxectivos de presentar a poesía como unha ponte que une países, cidades, continentes e artistas e que elimina fronteiras; irmandar as dúas linguas máis importantes de Nova York (inglés e español) coa galega; poñer en valor a creación poética e a palabra en todos os seus rexistros e contextos artísticos e ofrecer os seus espazos de intervención como territorio do latexo poético do século XXI.

O evento conta co apoio da Consellería de Cultura, canda outros coma os do Bowery Poetry Club e o NYC Ferry neoiorquinos, o dos Haiku Guys + Gals ou o do Consulado de España en Nova York.

Comparte