Nova: Inaugurada Betula Pendula, a nova intervención paisaxística das Torres Hejduk

21/03/2018

Inaugurada Betula Pendula, a nova intervención paisaxística das Torres Hejduk

O arquitecto paisaxista e enxeñeiro agrónomo Martín Toimil fai uso do carácter dual destes espazos para amosar en Betula Pendula a beleza e fraxilidade dos bosques galegos

O conselleiro de Cultura salienta o papel da arte para concienciar e sensibilizar de temas de interese social como son o coidado e respecto do patrimonio natural

A intervención conta co patrocinio de Viaqua, presente na campaña Ponnos verde! coa que preto dun milleiro de voluntarios plantaron árbores no Bosque de Galicia

  • A Cidade da Cultura de Galicia inaugurou hoxe, coincidindo coa celebración do Día da Árbore, Betula Pendula, unha intervención paisaxística con bidueiros nas Torres Hejduk
  • Torres Hejduk Torres Hejduk
  • A Cidade da Cultura de Galicia inaugurou hoxe, coincidindo coa celebración do Día da Árbore, Betula Pendula, unha intervención paisaxística con bidueiros nas Torres Hejduk A Cidade da Cultura de Galicia inaugurou hoxe, coincidindo coa celebración do Día da Árbore, Betula Pendula, unha intervención paisaxística con bidueiros nas Torres Hejduk
  • A Cidade da Cultura de Galicia inaugurou hoxe, coincidindo coa celebración do Día da Árbore, Betula Pendula, unha intervención paisaxística con bidueiros nas Torres Hejduk A Cidade da Cultura de Galicia inaugurou hoxe, coincidindo coa celebración do Día da Árbore, Betula Pendula, unha intervención paisaxística con bidueiros nas Torres Hejduk

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2018.- A Cidade da Cultura de Galicia inaugurou hoxe, coincidindo coa celebración do Día da Árbore, Betula Pendula, unha intervención paisaxística con bidueiros nas Torres Hejduk. O paisaxista Martín Toimil (Lalín, 1979) fai uso do carácter dual destas infraestruturas —unha é de vidro/transparente e outra de pedra/opaca— para amosar a dobre faciana da realidade dos bosques galegos: por unha banda, enxalzar a súa enorme beleza e por outra, advertir da súa fraxilidade, especialmente, por ser obxecto reiterado da lacra do lume.

Para reflectir esta confrontación, o arquitecto paisaxista e enxeñeiro agrónomo instalou bidueiros vivos, coa propia raíz, na torre de cristal; e, pola contra, na de pedra pendurou os queimados pola última vaga de lumes que sufriu Galicia. En ambas instalacións están colgadas do revés, emulando o perfil do alzado das Torres Hejduk, xa que o oco entre os dous edificios é idéntico á silueta dunha árbore invertida. Ademais, esta intervención conecta totalmente coa utilidade primixenia destas infraestruturas, cando foron deseñadas como invernadoiros para o Parque de Belvís polo arquitecto norteamericano John Hejduk, de quen collen o nome.

Na torre de cristal, os bidueiros están suspendidos con amarres desde a propia cepeira, onde tamén está instalado un sistema de rego que permita manter as árbores vivas. No chan está colocado un espello. Deste xeito, trasládaselle ao visitante a sensación de camiñar sobre as copas. Mentres, na torre de pedra están penduradas as árbores queimadas de modo invertido, cunha iluminación que proxecta sombras como se dunha instalación de esculturas se tratase.

Na inauguración, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, puxo en valor este tipo de intervencións artísticas como “ferramentas de concienciación social” en materia de conservación do medio e coidado dos bosques, “ante as ameazas que de xeito cotián lle afectan”. Neste senso, incidiu na súa “fraxilidade” e na necesidade de que toda a sociedade, “se involucre no seu coidado e salvagarda”.

Precisamente, a inauguración, que se fixo coincidir co Día da Árbore, estivo completada cunha plantación, esta mañá, de bidueiros no Bosque de Galicia por parte do alumnado de Educación Primaria do CEIP Rodríguez Xixirei de Lavacolla, en Santiago de Compostela.

Betula Pendula conta co patrocinio de Viaqua, cuxo director, Julio Masid, estivo presente no acto de inauguración, xa que ademais de nesta intervención, a entidade tamén colabora coa Cidade da Cultura de Galicia noutras campañas nesta mesma liña de respecto e coidado da natureza como é Ponnos verde!. Esta iniciativa botou a andar cando se iniciou o Bosque de Galicia, en 2015, nas ladeiras do Monte Gaiás. Desde aquela, máis dun milleiro de cidadáns presentáronse voluntarios para vir plantar árbores autóctonas e colaborar simbolicamente con este espazo natural, considerado o gran pulmón verde da capital galega.

Martín Toimil

Martín Toimil Mato é enxeñeiro agrónomo pola Universidade de Santiago de Compostela. Dende 2010 dirixe o estudio de arquitectura paisaxística laND30, a través do cal desenvolve a súa actividade profesional, que compaxina con actividades de divulgación e docencia.

Algúns dos seus traballos teñen acadado diversos premios en concursos nacionais e internacionais. Así, O xardín celta resultou gañador na 2013 World Landscape Art exposition en Jinzhou, na China. Nebula acadou o primeiro premio no concurso internacional para a Urbanización Marina Al Arab en Dubai, presentado en colaboración co estudio de arquitectura A-cero. Epigrafía obtivo unha mención de honra no concurso de Ideas para o Claustro de San Francisco no Museo Provincial de Lugo no 2011, o igual ca proposta para a revitalización da Rúa Frei Caneca en São Paulo, O Brasil. Recentemente, Activar el cráter, en colaboración con Iván Torres arquitectos, resultou vencedora do concurso de ideas para o Parque Urbano Playa Honda en Lanzarote, nas Illas Canarias.

Outras intervencións nas Hejduk

As Torres Hejduk soen ser obxecto de intervención artística —en Betula Pendula co matiz de paisaxística— para converterse, deste xeito, nun espazo expositivo non convencional que ten acollido propostas de artistas contemporáneos como Pamen Pereira, Ana Soler, Alejandra Sampedro, Félix Fernández, Sonia Navarro ou Irma Álvarez-Laviada.

Estas infraestruturas foron deseñadas polo arquitecto norteamericano John Hejduk como un invernadoiro vertical para o parque de Belvís de Santiago. Tras o falecemento de Hejduk, o seu amigo Peter Eisenman decidiu integralas no proxecto da Cidade da Cultura. Deste xeito, convertéronse nun dos primeiros elementos en construírse no monte Gaiás. Visibles desde moitos puntos de Compostela, a súa forza visual outorgarlles un carácter icónico, converténdose nun dos símbolos máis representativos da Cidade da Cultura.

Desde a súa apertura ao público, as Torres Hejduk acollen propostas de artistas contemporáneos e están conectadas ao Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura de Galicia, no que os participantes son convidados a participar nun concurso de propostas para intervir nelas. Precisamente, a última intervención foi a de Fredy Solano con A través dun horizonte sen corpo. Tras Betula Pendula, que se clausura o 19 de agosto, será a quenda do último proxecto gañador: AAMA (Arquivo Aberto da Memoria Arquitectónica).

Comparte