Nova: O proxecto Enredadas chega a Madrid nunhas xornadas sobre cultura e igualdade

16/03/2018

O proxecto Enredadas chega a Madrid nunhas xornadas sobre cultura e igualdade

A xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, puxo en valor a iniciativa impulsada pola Administración autonómica sobre boas prácticas de diversificación profesional dirixidas ás redeiras

A Fundación recibiu o Premio Nacional de Artesanía 2016 grazas a este proxecto

Madrid, 16 de marzo de 2018.- A Xunta presentou hoxe en Madrid o proxecto Enredadas nunhas xornadas sobre cultura e igualdade -#Cultura #Igualdad #Diversidad #DesmontandoLosMitos-, nas que participou a xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, quen puxo en valor a iniciativa impulsada polo Goberno galego sobre boas prácticas de diversificación profesional dirixidas ás redeiras galegas. Con este proxecto, a Fundación recibiu o Premio Nacional de Artesanía 2016 na categoría Promociona para Entidades Públicas.

Fabeiro participou como poñente na mesa redonda Creadoras nas periferias. Proxectos culturais para o empoderamento das mulleres rurais e o desenvolvemento social e económico, onde destacou o traballo das redeiras artesás e o seu oficio, e o apoio da Xunta para a diversificación da súa actividade profesional co fin de conseguir melloras económicas e unha maior visibilidade para este colectivo.

As Consellerías de Economía, Emprego e Industria e do Mar uniron esforzos neste proxecto baseado na formación especializada deste colectivo, a través de accións dirixidas por profesionais do sector da moda e do deseño, apostando así pola colaboración intersectorial que lle abre as portas ás artesás redeiras a un mercado contemporáneo que complementa e diversifica o seu labor tradicional.

A formación e a colaboración entre artesanía e outras áreas de traballo forman parte da estratexia da Administración autonómica para promover o talento do sector artesanal galego e consolidar un sector competitivo e transversal.

Comparte