Nova: O Centro Ramón Piñeiro abre os actos conmemorativos do seu 25º aniversario

19/03/2018

O Centro Ramón Piñeiro abre os actos conmemorativos do seu 25º aniversario

O acto de comezo das conmemoracións foi unha conferencia de Darío Villanueva

O relator, actual presidente da RAE e, no seu día, primeiro director técnico da área de literatura do centro de investigación adscrito á Xunta de Galicia, disertou sobre o tema A voltas coa posverdade

O secretario xeral de Política Lingüística conduciu este acto co que botou a andar o programa académico que, de marzo a novembro, celebrará os 5 lustros de existencia do Centro Ramón Piñeiro

  • O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) abriu hoxe ao mediodía a conmemoración dos seus 25 anos de actividade O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) abriu hoxe ao mediodía a conmemoración dos seus 25 anos de actividade
  • O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) abriu hoxe ao mediodía a conmemoración dos seus 25 anos de actividade O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) abriu hoxe ao mediodía a conmemoración dos seus 25 anos de actividade
  • O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) abriu hoxe ao mediodía a conmemoración dos seus 25 anos de actividade O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) abriu hoxe ao mediodía a conmemoración dos seus 25 anos de actividade

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2018.- O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) abriu hoxe ao mediodía a conmemoración dos seus 25 anos de actividade, cunha conferencia do actual presidente da Real Academia Española (RAE) e, no seu día, primeiro director técnico da área de literatura deste centro de investigación adscrito á Xunta de Galicia, Darío Villanueva.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, conduciu o acto académico celebrado no Pazo de San Roque, sede do CRPIH, agradeceu a presenza de Darío Villanueva e gabou, antes de cederlle a palabra ao relator, “o traballo serio e calado do Piñeiro, que desde a súa fundación apostou pola investigación básica; é dicir, por fornecer outros investigadores de ferramentas e de datos que lles permitan avanzar no coñecemento da nosa lingua e cultura”.

A canda o secretario xeral e o conferenciante, interviñeron o coordinador científico do CRPIH, Manuel González González, quen presentou ante o numeroso público asistente o resto das actividades académicas que compoñerán o programa conmemorativo dos 25 anos do centro, e a coordinadora técnica na área de literatura do Piñeiro, Ana Blanca Roig Rechou, encargada de facer a semblanza e presentación de Darío Villanueva Prieto.

A voltas coa posverdade

Darío Villanueva, presidente da RAE e primeiro director técnico da área de literatura do Centro Ramón Piñeiro, disertou sobre a posverdade; é dicir, a distorsión deliberada dunha realidade que manipula crenzas e emocións co fin de influír na opinión pública e en actitudes sociais. O conferenciante repasou os antecedentes da posverdade posmoderna ou transmoderna dende Maquiavelo ata chegar ao século XX, con Goebbels ou Ronald Reagan. Lembrou que “o poder demiúrxico da palabra, como creadora máis ca portadora da realidade, fortaleceuse coa escritura, pero tamén se viu incrementado coa segunda revolución tecnolóxica da imprenta e estao a facer de forma renovada cos avances da era da comunicación”, polo que concluíu preguntándose “se a tecnoloxía audiovisual e as novas plataformas comunicativas poderán destruír dunha vez por todas a nosa facultade de discernir entre verdade e mentira e entre historia e fábula”.

Actos conmemorativos

O programa de actos conmemorativos do 25º aniversario do CRPIH inclúe, ademais desta conferencia inaugural, unha exposición e catro xornadas cuxa asistencia certificará, segundo as horas correspondentes, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Para obter esta certificación será necesario inscribirse previamente a través da web institucional do CRPIH www.cirp.gal a partir do mércores 21 de marzo. A asistencia é gratuíta e as prazas, limitadas, cubriranse por orde de inscrición. O programa completo de actividades está dispoñible no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal.

O Centro Ramón Piñeiro

O CRPIH é un organismo dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística que se ocupa de levar adiante e de difundir proxectos de investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica centrados en Galicia. Actualmente, as súas liñas de traballo xiran arredor da lingüística aplicada, a literatura medieval, a recuperación de publicacións literarias ou a identidade colectiva desde un punto de vista antropolóxico.

Comparte