Nova: Verín marca o comezo do calendario das Feiras do libro de Galicia 2018

16/03/2018

Verín marca o comezo do calendario das Feiras do libro de Galicia 2018

De venres 16 e ata o domingo 18 de marzo, o municipio ourensán convértese nun escaparate para os libreiros e nun punto de encontro de autores e lectores

O secretario xeral de Cultura participou esta tarde no acto de inauguración da feira, que contou coa lectura do pregón da xornalista e escritora Elena Gallego

  • Feiras do libro de Galicia 2017 Feiras do libro de Galicia 2017

Verín (Ourense), 16 de marzo de 2018.- As Feiras do libro de Galicia 2018 inician hoxe en Verín un percorrido que as levará ata a fin do verán por 16 concellos das catro provincias galegas, con Sanxenxo como novidade. O concello ourensán será, durante tres días, o mellor escaparate para as sete librerías presentes, Cartabón, Papiro, Cortizas, Monterrey, AZ, Cortés e Pica-Pica, que contarán ademais cunha completa programación de actividades para atraer público de todas as idades ata a Praza da Mercé.

“Verín marca, pois, o inicio da primavera dos libros, porque hoxe comeza a súa temporada de primavera-verán, na que sairán á rúa para presumir do que son: os mellores embaixadores da nosa cultura”, afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, no acto de inauguración da feira, no que estivo acompañado do presidente da Agrupación de Libreiros de Ourense, José Manuel García, o deputado de Cultura de Deputación de Ourense, Manuel Doval e a concelleira de Cultura do Concello de Verín, Emilia Somoza.

Segundo explicou Lorenzo, os libros chegan acompañados “dunha oferta de actividades que permite aos lectores entrar en contacto cos seus escritores favoritos, ademais de atraer aos máis pequenos”. O lema das Feiras do libro deste ano, Ler sen fronteiras, garante a presenza da autora homenaxeada nas Letras Galegas María Victoria Moreno nestas citas culturais.

A xornalista e escritora Elena Gallego, criada na vila, é a pregoeira desta segunda edición da Feira do libro de Verín e presenta mañá, sábado, o seu último libro, O xogo de Babel. Canda ela, unha decena de escritoras e escritores visitarán a feira para presentar e asinar as súas obras e entrar en contacto directo cos seus lectores. Monicreques e obradoiros para os máis pequenos e a música da Banda de gaitas do concello de Verín completan a oferta cultural.

Un percorrido por 16 concellos en seis meses

Tras Verín as Feiras do libro de Galicia percorrerán os concellos de Ferrol, do 19 ao 23 de abril; Santiago de Compostela, do 28 de abril ao 6 de maio; o municipio do Porriño, onde se desenvolverán do 10 ao 13 de maio; a cidade de Lugo, do 15 ao 20 de maio; o concello de Ourense, do 30 de maio ao 6 de xuño; e o concello de Redondela, do 7 ao 10 de xuño.

Xa no inicio do verán, as citas serán nos municipios de Ribeira, do 21 ao 24 de xuño; de Vigo, do 28 de xuño ao 7 de xullo; de Sanxenxo, entre o 10 e o 15 de xullo, de Rianxo, do 19 ao 22 de xullo e de Ponteareas, do 22 ao 29 de xullo. Pecharán a edición de 2018, no mes de agosto, na Coruña, desde o 1 ata o día 10; en Viveiro, do día 11 ao 15; en Foz, entre o 16 e o 19; e, finalmente, en Monforte de Lemos, do día 22 ao 25.

Comparte